- Xa están activas as bases para unha nova edición do certame, que traerá de novo ata a vila do Támega unha selección das mellores curtas do panorama audiovisual actual
Verín, 20 de xullo 2018.– A III edición do Festival Internacional de Curtas Vía XIV celebrarase en Verín entre os días 1 e 9 de decembro deste ano. Así o anunciaron hoxe perante os medios de comunicación a concelleira de Cultura, Emilia Somoza, e o director do certame, Carlos Montero, quenes salientaron que as bases para optar ás diferentes categorías do Festival xa están activas na web oficial do certame: www.ficviaxiv.com.
A concelleira de Cultura afirmou na presentación que “coa súa terceira edición, o FIC Vía XIV consolídase na axenda cultural da vila do Támega”. “Unha cita que o ano pasado mobilizou a máis de 2.800 persoas arredor da axenda oficial do certame e das actividades paralelas que acolleu”, engadiu. A idea, nesta edición, é “continuar desenvolvendo accións vinculadas ao cine para todos os públicos arredor do Festival”, concluíu.
Prazo ata o 11 de outubro
Pola súa banda, Carlos Montero destacou que o prazo para recepcionar as curtas que poden optar ás catro categorías a concurso (Outra Mirada, Horizontes, A Raia e Nova) esténdese ata o vindeiro día 11 de outubro. “As curtas participantes teñen que ter sido realizadas con posterioridade a xaneiro de 2017”, precisou.
Doutra banda, tamén destacou que se activou recentemente o concurso para elixir o cartel ilustrador da terceira edición do FIC Vía XIV. As bases poden ser consultadas, igualmente, na web oficial do Festival e as propostas deben ser remitidas á organización do certame ata o vindeiro 20 de setembro.
O director do Festival de Curtas de Verín puxo en valor tamén, durante a presentación, a calidade dos filmes presentados a concurso nas dúas primeiras edicións do certame. De feito, varias das curtas exhibidas en 2017 en Verín foron, posteriormente, premiados en diferentes convocatorias de premios e certames tales como os Goya ou Sundace e seleccionados para os carteles oficiais en festivais de recoñecido prestixio tales como San Sebastián, Toronto, Rotterdam ou o New York Film Festival.
Deixa unha resposta