- Pretende espertar neles o amor polo cine e descubrirlles o poder que teñen as imaxes para transmitir historias
Verín, 14 de novembro de 2018.- A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, presidida polo alcalde de Monterrei, Xosé Luis Suárez, apoiará o FIC Vía XIV cunha achega de 2.400 euros que servirá para financiar unha das actividades paralelas da programación dirixida aos cativos e cativas da zona. A actividade, denominada Cinema de historias, pretende espertar nos máis pequenos o amor polo cine e descubrirlles o poder que teñen as imaxes para transmitir historias.
“Coas anteriores edicións do festival colaboraron puntualmente algúns dos concellos que integran a Mancomunidade, pero este ano queríamos facelo directamente desde a propia entidade”, considera Xosé Luis Suárez. Isto é así porque “o FIC é xa un evento totalmente consolidado na comarca e o seu impacto é cada vez maior”. Por iso, “desde a Mancomunidade decidimos apoiar por unanimidade esta acción que divulga o cinema entre os rapaces e que se enmarca nun festival que é moi representativo dos valores diferenciais da nosa comarca”, engade.
Precisamente, o director do FIC Vía XIV, destaca que un dos obxectivos do certame “é o de enfatizar a singularidade e nos trazos definitorios de Verín e dos municipios próximos, ámbito xeográfico que coincide co da Mancomunidade” á que agradece “moi especialmente” a súa implicación.
Cinema de historias
A actividade paralela que se desenvolverá grazas ao apoio da Mancomunidade céntrase na figura de Alice Guy, a nai do cinema. Será quen esperte entre os cativos a curiosidade pola orixe da sétima arte. Guy foi unha muller fascinante inxustamente esquecida, a primeira persoa en dirixir cinema de ficción contando unha historia. Ademais foi actriz, guionista, deseñadora de vestiario, cámara, produtora, cómica e maga.
Tamén, ao abeiro desta actividade, os máis pequenos realizarán un percorrido pola historia do cine para coñecer os diferentes xéneros cinematográficos vendo fragmentos de películas de aventuras, de ciencia ficción, de fantasía, animación, drama ou comedia, entre outros xéneros.
Deixa unha resposta