- Unha das actividades paralelas programadas fará un repaso polas bandas sonoras máis célebres do audiovisual
Verín, 18 de novembro de 2019.- A axenda de actividades paralelas da IV edición do FIC Vía XIV de Verín, que dará comezo o vindeiro 30 de novembro, incluirá unha sesión denominada Cámara e batuta, que ten como obxectivo analizar a relación entre música e cinema. Esta actividade paralela, que se celebrará no Auditorio de Verín a partir das 20,30 horas do luns 2 de decembro, proponnos unha viaxe a través das bandas sonoras do cinema da man Edelmiro L. Mateo, responsable da coral polifónica da vila. No marco desta actividade paralela, tamén haberá unha actuación da agrupación instrumental infantil do Conservatorio de Verín, dirixida por Miguel Ángel Guerra.
Trátase dunha actividade que pretende por en valor o importante papel que a música ten no cinema. De feito, son moitas as bandas sonoras que se teñen convertido en clásicos ao pasar a formar parte do acervo e do patrimonio cultural de todos os cidadáns.
No marco desta actividade, efectuarase un repaso, pois, de dúas disciplinas que están intimamente ligadas e detallaranse claves sobre os efectos que a música xoga na narrativa audiovisual.

Deixa unha resposta