- As pezas Homomaquia e Suc de Síndria compiten no certame de Verín
- David Fidalgo, director de Homomaquia, mantivo un coloquio co público verinés onde detallou a súa experiencia á hora de filmar a curta
Verín, 03 de decembro de 2019.- Dúas das curtas nomeadas aos Premios Goya 2020, cuxas candidaturas se desvelaron onte, proxéctanse estes días no Festival Internacional de Curtas de Verín FIC Vía XIV. “Isto constitúe unha proba irrefutable da calidade da programación que compón o noso certame” considera Carlos Montero, director do Festival. Unha destas curtas
nomeadas aos Goya é Homomaquia, que dá a coñecer un mundo onde os seres humanos son tratados coma estes tratan aos animais, establecendo unha ligazón coa tauromaquia.
O seu director, David Fidalgo, estivo en Verín para compartir co público presente no Auditorio a experiencia de filmar esta curta, que consta de máis de 8.000 debuxos pintados en papel reciclado. “Sentinme inspirado pola proximidade da praza de touros á miña Facultade, en Pontevedra. Podía ver os espectáculos que se montaban no verán e parecíame incrible o
ambiente de alegría e festa arredor de algo tan cruel”, declarou o director da curta.
A obra de animación é un berro a favor da liberdade e proxéctase na sección “A Raia 3” do FIC Vía XIV. No festival, xa tiveron lugar, con moi boa acollida, dúas proxeccións de Homomaquia, o domingo 1 ás 20:30 horas e o luns 2 ás 17:00 horas no Auditorio. Durante esta semana aínda se poderá desfrutar dunha última proxección desta curta o mércores 4, ás 22:30 horas, na Casa da Cultura.
Suc de Síndria
Durante a semana do festival, proxectase tamén a concurso Suc de Síndria, dirixida por Irene Moray, que conta tamén cunha nominación aos Goya na categoría de curtas de ficción. A obra conta a historia de Bárabara e Pol, que se van uns días de vacacións, rodeados pola natureza, onde atopan un lugar íntimo onde poderán gozar da súa intimidade, curar vellas feridas e redifinir a súa sexualidade.
Suc de Síndria exhíbese na sección “Nova 2” do FIC Vía XIV, que se proxectará hoxe martes ás 18:30 horas e mañá mércores ás 17:00 horas no auditorio, así coma o xoves ás 17:00 horas na Casa da Cultura.
Deixa unha resposta