Unha retrospectiva de cinema cubano actual, primeira actividade paralela confirmada da IV edición do FIC Vía XIV

  • O Festival de Curtas de Verín celebrarase entre o 30 de novembro e o 8 de decembro

Verín, 27 de xuño de 2019.- A IV edición do Festival Internacional de Curtas de Verín (FIC Vía XIV), que se desenvolverá na vila entre o 30 de novembro e o 8 de decembro vindeiros, ten xa a súa primeira actividade paralela confirmada. Trátase dunha retrospectiva de curtametraxes representativas do cinema cubano actual, todas elas realizadas entre os anos 2015 e 2019.

A produtora e directora artística de orixe cubana, Claudia Expósito, é a encargada de realizar a escolma de curtas que se exhibirán en Verín no marco desta iniciativa. Expósito ten participado, dende o ano 1993, nuns 150 espectáculos musicais, festivais, eventos e proxectos audiovisuais. Xunto a isto creou e produciu varios espazos artísticos culturais como Xogo de Malabares, Puntal Alto ou A Guitarra Limpa, entre outras.

Vocación social

O director do FIC Vía XIV, Carlos Montero, destaca que esta retrospectiva, que será exhibida en dous bloques diferentes como programación paralela á do propio festival, constitúe “un perfecto exemplo da vocación social que ten o certame e que posibilita conectar Verín con outras realidades e culturas a través do cinema”.

No marco desta retrospectiva poderán verse en Verín as curtas Ángela, de Juna Pablo Daranas; Las muertes de Arístides, de Lázaro Lemus; Los viejos heraldos, de Luis Alejandro Yero; Gloria eterna, de Yimit Ramírez; Casa de la noche, de Marcel Beltrán; No country for old squares, de Yolanda Durán y Ermitis Blanco; El Pescador, de Ana A. Alpízar e Paisaje, de Daiyan Noa.

Leave a comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *