
O Festival Internacional de Cine Play-Doc, que se celebrará na localidade pontevedresa de Tui entre o 23 e o 27 de de setembro, toma o relevo do RIR de Allariz na categoría de festival convidado polo FIC Vía XIV.
Deste xeito,o director do Play-Doc, Ángel Sánchez, estará en Verín na xornada do xoves 10 de setembro para manter un coloquio co público e trasladar, de primeira man, a experiencia de máis de tres lustros dun dos festivais cinematográficos de referencia de Galicia.
O Auditorio de Verín acollerá unha selección de curtas proxectadas en edicións anteriores do Play-Doc. Ao longo dos seus 15 anos de vida, o Play-Doc consolidouse como un referente logrando manter un modelo de festival singular cunha programación rigurosa e un público estremadamente heteroxéneo.
Como espazo cultural, o festival deu cabida tanto a novos creadores como a verdaderas lendas da sétima arte, tales como Albert Maysles, Bruce Weber ou Artavazd Pelesjan, así como a cineastas de culto, ás veces esquecidos ou censurados como Kidlat Tahimik, Charles Burnett ou Peter Emanuel Goldman, entre moitos outros.