- As tres primeiras actividades confirmadas son “Dereito e cinema”, “Festival convidado: Animacam” e “A memoria da raia”
Verín, 10 de novembro de 2018.- A organización do Fic Vía XIV de Verín confirma as tres primeiras actividades paralelas no marco dunha programación que pretende, en verbas da concelleira de Cultura do municipio, Emilia Somoza, “dinamizar a axenda cultural verinesa para divulgar o cinema entre todos os públicos”. Do mesmo xeito, o director do certame, Carlos Montero, pon en valor a variedade temática das actividades programadas, no marco da cales se desprazarán a Verín prestixiosas figuras de primeiro nivel do panorama cinematográfico e audiovisual tanto de Galicia e España coma do estranxeiro.
Unha das actividades xa confirmadas é Dereito e cinema, unha iniciativa que ten como obxectivo analizar o movemento Law and Cinema, que xorde con forza nos anos 90 do século pasado nas universidades norteamericanas e, dende alí, é importado con éxito por un bo número de facultades de Dereito europeas, que van incorporando o recurso do cinema nas clases, seminarios, congresos, relatorios, cursos, etc.
Law and Cinema (como antes Law and Literature) nace con vocación de subvertir a ensinanza do Dereito. Empregando secuencias de Doce homes sen piedade, María José García Salgado, profesora da área de Filosofía do Dereito da Universidade de Oviedo dende 1994, analizará o movemento e comentará, a base de fotogramas, as principais características do proceso penal no noso sistema xurídico e as dificultades á hora de establecer, nun caso concreto, tanto cal é a norma aplicables como cales son os feitos que se consideran probados.
Coa película como banco de imaxes, haberá ocasión tamén de falar da institución do xurado, da presunción de inocencia, da proba xudicial e de todas as cuestión que o público queira plantexar e discutir. En definitiva, será unha sesión para falar de Dereito a través do cinema.
Animacam Animation Film Festival
O Festival Convidado polo Fic Vía XIV neste 2018 será o Animacam Animation Film Festival, unha iniciativa nada en Ourense hai case oito anos que se singulariza por constituír o primeiro festival internacional online de curtas de animación do mundo. Independente e de balde, este festival engloba obras tanto de autores recoñecidos coma de novéis e dá cabida a unha ampla variedade de xéneros e técnicas de animación.
Con máis de dous millóns de seguidores dos cinco continentes, o Animacam Animation Film Festival é o festival convidado no Fic Vía XIV de Verín 2018. Deste xeito recoñécese a magnífica traxectoria deste certame e ponse en valor o traballo dos seus artífices, un equipo encabezado polo seu director, Xosé Luis Martínez Carneiro, quen impartirá ademais no Festival de Verín unha masterclass enfocada tanto ao sector profesional coma ao público en xeral na que explicará as claves e particularidades da organización dun certame de cinema online.
No marco do Fic Vía XIV poderá verse unha selección de curtas proxectadas no marco de Animacam en anos recentes.
A memoria da raia
A actividade “A memoria da raia” articulase ao abeiro dun documental homónimo que foi realizado por tres mozas da comarca de Verín. Trátase dun traballo que amosa a solidariedade existente na frontera entre Galicia e Portugal e aborda as características culturais, económicas e políticas do feito fronteirizo na zona sur de Ourense e que foi exhibido recentemente en Verín, con grande éxito de público.
Miriam González, natural de Medeiros (Concello de Monterrei); Iris Justo, de Verín e Andrea Pérez, de Albarellos de Monterrei son as tres realizadoras da obra e todas elas participarán nesta actividade paralela do FIC Vía XIV, que mestura disciplinas artísticas nas que fotografía, video e ilustración ofrecerán unha experiencia multisensorial nun emprazamento singular.
A persoa participante é quen recreará as historias, puidendo interactuar en diferentes puntos do argumento sen necesidade de seguir a continuidade marcada polo proxecto. Deste xeito, preténdese amosar a outra parte do traballo a través dunha concepción da arte coma unha ferramenta útil para promover a acción individual e colectiva fronte a historia de A memoria da raia.
Deixa unha resposta