- O director do documental compartiu a ilusión que lle fai presentar o adianto do seu traballo no mesmo espazo no que entrou en contacto coa historia e a xente que orixinou a obra audiovisual
- O auditorio de Verín acolleu un avance en exclusiva deste documental, seguido dun coloquio e a exposición titulada “Descubrindo o Entroido de Laza”
Verín, 04 de decembro de 2019.- A participación do director compostelán Pablo Ces en anteriores edicións do FIC Vía XIV posibilitou a súa entrada en contacto co Entroido de Laza. A súa autenticidade chamoulle tanto a atención, que decidiu rodar un documental centrándose nas personaxes e lugares que fan posible este Entroido.
“Se me tivera que quedar con algo da rodaxe do documental é co agarimo e afecto que nos amosou a xente de Laza. Acolléronnos de marabilla e integráronnos coma uns veciños máis na celebración do Entroido” declara Pablo Ces, que xunto ao produtor Jacobo García Novoa, orixinario este último de Laza, presentaron un adianto de Entroidar no Auditorio de Verín.
A autenticidade do Entroido
Entroidar é un documental que se sostén sobre tres piares fundamentais: as personaxes que fan posible o Entroido, os lugares nos que se fai e a propia celebración. Tal como destacou o director, o documental busca tumbar mitos e céntrase moi específicamente no Entroido de Laza.
“Queremos ver como se transforman as persoas que están detrás das personaxes que se dan no Entroido” destaca o director Pablo Ces, que ten unha ampla traxectoria no eido audiovisual, sendo galardoado co Mestre Mateo 2011 polo documental As silenciadas.
Avance en exclusiva
O documental está aínda en proceso de realización e consiste no seguimento de diferentes referentes da celebración e afonda nas súas vidas e no que significa o carnaval para eles.
Ademais da presentación do avance da obra audiovisual, no FIC Vía XIV houbo un debate sobre o mesmo e unha exposición no hall do Auditorio de Verín baixo o título “Descubrindo o Entroido de Laza”.
Deixa unha resposta