O FIC Vía XIV de Verín acollerá na súa sesión inaugural a preestrea en Galicia do documental Tierra de Leche y Miel

  • O traballo cinematográfico fai un retrato real e cru das cicatrices, efectos e salpicaduras dunha guerra

Verín, 20 de maio de 2021.- O FIC Vía XIV de Verín acollerá, no marco da súa sexta edición que se celebrará a comezos de setembro, a preestrea  en Galicia do documental Tierra de leche y miel, dirixido polo verinés Héctor Domínguez-Viguera xunto a Gonzalo Recio e Carlos Mora. Un traballo que gañou a sección DOC España na 65 edición do festival Seminci de Valladolid e cuxo equipo directivo está moi ligado ao Festival Internacional de Curtas de Verín, que co seu patrocinio contribuiu a facer posible este documental.

Ademais, o seu equipo de rodaxe impartiu hai uns anos, no marco do FIC Vía XIV, unha masterclass na que abordou a problemática de construción dunha obra cinematográfica. O documental será posteriormente estreado, de xeito oficial na Comunidade Autónoma, no Festival Play-Doc de Tui.

Rodaxe en Turquía de Tierra de Leche y Miel

Cinco capítulos

O traballo está dividido en cinco capítulos e un prólogo e fai un retrato real e cru das cicatrices, efectos e salpicaduras dunha guerra: os mortos, o trauma, a pena, a incertidume e, en especial, os desprazamentos. Mediante unha técnica moi lograda, o traballo afonda, dun xeito case poético, na cotidianeidade dunhas personaxes que viven nun conflito bélico.

Para un dos directores deste traballo, o verinés Héctor Domínguez-Viguera é “un motivo de inmensa alegría” poder preestrear a obra en Galicia “no marco do FIC Vía XIV” e poder “compartir con familiares, amigos e coñecidos” as súas impresión sobre o documental. Xunto a isto, aspira a que o público poida afondar no coñecemento dunhas personaxes que a todo o equipo técnico impresionaron notablemente xerando neles un “sentimento transformador”.

A preestrea deste documental, que se proxectará na xornada inaugural do FIC Vía XVI de Verín, constitúe a segunda das actividades paralelas confirmadas para a VI edición do certame, logo de que recentemente se anunciara a celebración dun obradoiro de guion de cine.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *