- Esta tarde exhibíronse no Festival Internacional de Curtas de Comedia (RIR) as pezas premiadas o ano pasado ano en Verín
Verín, 05 de setembro de 2019.- Carlos Montero, director do FIC Vía XIV, e Jorge Godás, responsable de Creatividade e Multimedia do certame, participaron esta tarde no Festival Internacional de Curtas de Comedia (RIR) que se está a desenvolver na localidade ourensá de Allariz. O FIC Vía XIV é o festival convidado este ano polo certame de Allariz e os asistentes ao coloquio desta tarde puideron visualizar todas as curtas que se premiaron en Verín en 2018.
O FIC Vía XIV toma así o relevo do Curtas (Festival Internacional de Cine e Banda Deseñada de Vilagarcía de Arousa), que foi o certame convidado pola organización do RIR na súa primeira edición de 2018.

Experiencia acumulada
Carlos Montero quixo aproveitar a súa participación en Allariz para felicitar publicamente a Óscar Doviso, director do RIR, polo “levar a maxia das artes escénicas, en xeral, e do cinema, en particular, ata a localidade, o que evidencia un fondo compromiso coa cultura”.
Tal e como expuxo, “en Verín temos xa a experiencia de tres anos de xestión dun festival de cinema, que ten carácter internacional, e que ten ido neste tempo de menos a máis” como evidencia “o incremento, ano tras ano, na calidade das curtas seleccionadas que, tras o seu paso por Verín, son con frecuencia premiadas en diferentes certames de ámbito nacional e internacional”.
Montero e Godás convidaron, ademais, a todos os presentes a desprazarse ata Verín entre o 30 de novembro e o 8 de decembro vindeiros, datas nas que se desenvolverá a cuarta edición do FIC.
Deixa unha resposta