- Os escaparates da vila lucirán motivos relacionados co cinema e sortearanse bonos e entradas para o certame entre os usuarios do establecementos adheridos a Aever
Verín, 26 de outubro de 2018.- A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Verín, Aever, apoiará a III edición do FIC Vía XIV coa posta en marcha dunha serie de accións promocionais en diversos establecementos da vila. O xerente de Aever, Jose Ángel Rodicio, comprometeu o apoio da organización que preside Santos Álvarez Diéguez ao director do certame, Carlos Montero, coa sinatura dun acordo de colaboración que incluirá un concurso de escaparates de película e sorteos de produtos, entradas e bonos para o certame.
Segundo destaca Rodicio, “o festival vai atraer ata a vila a numeroso público, o que redundará positivamente no comercio e na restauración da zona”. Por este motivo, considera “moi relevante” contribuír ao desenvolvemento dun certame que ano tras ano se vai consolidando na axenda cultural de Verín”. Pola súa banda, Montero quixo agradecer “a disposición” de Aever e a “súa implicación” na posta en marcha do festival. “É importante constatar como o tecido asociativo e a poboación da vila se implican cada vez máis no desenvolvemento do certame”, apostilou.
Dende o Concello de Verín, Purificación Caldelas –responsable de Turismo, Comercio, Balnearios e Transportes- pon en valor a relevancia do acordo acadado con Aever e salienta que iniciativas culturais como a do FIC Vía XIV “contribúen enormemente a dinamizar o tecido comercial local”.
Concurso e sorteos
Ao abeiro do marco de colaboración establecido, os comerciantes de Verín que participen na iniciativa engalanarán os seus escaparates con motivos relacionados co cinema entre o 19 de novembro e o 9 de decembro. Os tres mellores escaparates serán premiados con 150, 75 e 50 euros respectivamente e será no decurso do Festival cando se coñezan os galardoados. As bases deste concurso serán publicadas proximamente na web do FIC (www.ficviaxiv.com).
Xunto a isto, Aever doará ao FIC un lote de produtos procedentes de diversos comercios da zona para ser sorteado durante o festival e, paralelamente, todas aquelas persoas que realicen as súas compras nos establecementos adheridos á asociación, durante as semanas previas ao FIC, recibirán cadanseu cupón acreditativo. Xuntar dez cupóns dará dereito a entradas directas para o visionado das curtas que se proxecten no festival.
Deixa unha resposta