- O deseño do escenario e o dos principais galardóns é obra de Fernando Barreira, mentres que Xosé Gómez Rivada é o autor do premio especial do público
- Pola súa banda, Jorge Godás responsabilizouse de todo o deseño das pezas gráficas e audiovisuais do Festival
Verín, 01 de decembro de 2017.- Como actos previos á gala inaugural de mañá, o FIC Vía XIV de Verín abre hoxe as súas portas coa primeira xornada do obradoiro “Achegar o cine ás persoas”, a cargo da cineasta vasca Maider Fernández, e co desenvolvemento do Foro Visións, un proxecto impulsado e coordinado por Xisela Franco e Beli Martínez para dar visibilidade ás cineastas da provincia de Pontevedra. Esta segunda edición do Festival de Curtas de Verín contou coa participación de diversos profesionais e artistas locais que co seu traballo creativo se involucraron no desenvolvemento do certame.
Un destes artistas é Fernando Barreira, responsable do deseño dos principais galardóns do certame e da creatividade do escenario. Barreira, que conta cunha sólida formación en arte, pintura, debuxo, escultura, decoración e moda e con máis de 40 exposicións ás súas costas, afirma que se insipirou na “V” de Verín e de Vía XIV para o deseño do premio. “Creei unha tiraxe múltiple en bronce, composta por 21 pezas que cedín ao Concello”, destaca.
Tres columnas de 3,75 metros de altura
Por outra parte, á hora de crear o escenario tivo en conta “a temática dispar das bases do festival” que lle obrigou “a construír tres columnas de 3,75 metros de altura con emoticonos gráficos referentes aos temas centrais do certame: Entroido, Emigración e Fronteira”. En total, engade, “son máis de 60 pezas individuais que forman un todo e que ao xirarse, co apoio das luces, irán marcando o percorrer do festival: estruturas dinámicas para unha idea dinámica”. Previamente, xa fora autor doutros deseños para espectáculos e certames diversos como á da ópera O amor das tres laranxas, de Sergei Prokofiev, que se desenvolveu na Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia.
Por outra banda, no marco do desexo dos promotores do FIC Vía XIV de dar protagonismo a outros artistas verineses no deseño do premio do público, este ano o encargado de crear esta peza foi o pintor e escultor local Xosé Gómez Rivada.
Outro nome propio nesta edición do FIC é o de Jorge Godás, descendente dunha coñecida familia de fotógrafos verineses, que se está a ocupar de todo o deseño gráfico e audiovisual das diversas pezas que compoñen o festival.
Deixa unha resposta