- A oficina, que estará operativa de agosto a decembro, servirá de punto informativo e como oficina de traballo para o equipo de VIA XIV.
VIA XIV, o primeiro Festival Internacional de Curtas de Verín, estrea sede na Praza García Barbón mañá martes 9 de agosto.
A sede, que estará operativa de agosto a decembro, servirá de punto informativo e como oficina de traballo para o equipo de VIA XIV. O local estará aberto ao público de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas.
Carlos Montero, coordinador xeral do Festival e responsable municipal de Comunicación, explicou que "nestes momentos o equipo atópase realizando un exhaustivo traballo de rastrexo de material que se adapte ás categorías a concurso do festival e catalogando e visionando todo o material que nos están enviando os participantes".
Pola súa banda, Emilia Somoza, tamén coordinadora xeral do FIC e concelleira de Cultura do Concello de Verín, confirmou que "ata este momento, recibíronse unha vintena de traballos, a maioría moi interesantes e dunha calidade optima para concurso. Tamén destacou que "entre os traballos recibidos atópanse curtos de xente da zona, o que nos entusiasma enormemente".
Xosé Lois Santiago, Director de Produción de VIA XIV, recalcou que "durante este último mes, estamos a recibir moitos mails a nivel nacional e internacional de persoas interesadas en participar no festival. Podemos dicir que estamos a recibir un fluxo constante de material audiovisual que, sen dúbida, posibilitaranos ofrecer unha programación de gran calidade e enfocada a todos/as os/as asistentes ao mesmo".
A área de Cultura do Concello de Verín, tras conseguir consolidar propostas de teatro música e cinema na vila, aposta por unha iniciativa audiovisual de primeiro nivel. Trátase de VÍA XIV, o primeiro Festival Internacional de Curtametraxes de Verín. Cun orzamento inicial de 20.000 euros, o festival celebrarase do 5 ao 11 de decembro, co Auditorio Municipal e a Casa da Cultura como epicentros das proxeccións, e estará formada por tres seccións a concurso: Fronteiras, Emigración e Entroido. Paralelamente, organizaranse conferencias temáticas complementarias ás seccións competitivas, un taller de realización de curtas e actividades didácticas audiovisuais para os máis pequenos. As persoas interesadas en participar no festival poden inscribirse na web www.ficverin.com desde hoxe, 23 de xuño, ata o 31 de outubro.
O equipo de VIA XIV está formado por Emilia Somoza (Coordinadora xeral), Carlos Montero (Coordinador xeral e responsable de Comunicación), Xosé Lois Santiago (Director de Produción), Francisco Naveira (Director Técnico) e Jorge Godás (Medios Dixitais e Publicidade).
VIA XIV concederá os seguintes premios, con dotación económica e galardóns:
- Premio do xurado á Mellor Curtametraxe Categoría Entroido: 1000 euros e Trofeo.
- Premio do xurado á Mellor Curtametraxe Categoría Emigración: 1000 euros e Trofeo.
- Premio do xurado á Mellor Curtametraxe Categoría Fronteira: 1000 euros e Trofeo.
- Premio do xurado ao Mellor Guión: 600 euros e Trofeo.
- Premio do xurado ao Mellor Actor: 600 euros e Trofeo.
- Premio do xurado á Mellor Actriz: 600 euros e Trofeo.
- Premio do xurado ao Mellor Director: 600 euros e Trofeo.
- Premio do público á Mellor curtametraxe: 600 euros e Trofeo
Deixa unha resposta