650 persoas seguiron o FIC Vía XIV de xeito online e 678 fixérono presencialmente

  • Particularmente exitosos foron o concerto de Verto, a estrea da curta “Capuchóns”, fóra de concurso, e a preestrea en Galicia de “Tierra de leche y miel”

Verín, 15 de setembro de 2021.- 650 persoas seguiron o FIC de xeito online nalgún momento da semana pasada, data na que se celebrou a VI edición deste certame. Fixérono por streaming a través do enlace directo do festival ou do habilitado a través dos medios de comunicación. Xunto a isto, un total de 678 persoas acudiron de xeito presencial á proxeccion das curtas a concurso ou ben ás actividades paralelas propostas e unhas 150 acudiron ao concerto que se enmarcou dentro das accións do FIC.

Deste xeito, o FIC chegou a máis 1.500 persoas. Particularmente exitoso foi o concerto de Verto, que coa súa proposta de pop en galego atraeu numeroso público. Tamén foi especialmente populosa a proxección da curta “Capuchóns”, un traballo fóra de concurso concibido polo verinés Íñigo Rolán Taboada, e a preestrea en Galicia do documental “Tierra de leche y miel” de Héctor Domínguez-Viguera, Gonzalo Recio e Carlos Mora

Consolidación do FIC

O director do certame, Carlos Montero, valora as cifras de asistencia como “positivas”. Ao seu xuizo, “moita xente aínda prefire non acudir presencialmente a eventos, por mor da Covid-19, pero no caso do FIC Vía XIV a perda de público presencial compensouse polo aumento dos seguidores online”.

“Os datos avalan o éxito e a consolidación do FIC na axenda cultural de Verín”, destacou Carlos Montero, quen sinala tamén que dende xa vaise comezar a traballar na VII edición do certame.

Fic Vía XIV
Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *