
Ademais da sección infantil, con curtametraxes destinadas aos máis pequenos da casa, contaremos coma en edicións anteriores coa participación no FIC da narradora oral Raquel Queizás nunha actividade que achegará o sétimo arte aos cativos e cativas da comarca. Este ano, a actividade versará sobre ciencia ficción e metacine.
"Este espectáculo, que leva por título Vémonos no futuro, mesturará a narración oral co teatro e co cinema e convida á rapazada dos centros educativos de Verín e comarca a unha fantástica viaxe no tempo. Imos descubrir, no FIC de Verín, o poder da literatura e o cine para imaxinar futuros: futuros pasados. Imos coñecer as primeiras adaptacións literarias de ciencia ficción levadas para a grande pantalla. Gozaremos dos pioneiros efectos especiais", destaca Raquel Queizás.
"Esperan por nós moitas aventuras que nos van levar, fotograma tras fotograma, á descuberta de novos mundos. Imos visitar unha metrópole descoñecida. Coñeceremos robots moi humanos, científicos tolos, guerreiras galácticas, homes invisibles… Como broche final, gozaremos coas curtas seleccionadas polo Festival. Imos así ver historias que fomentan o respecto pola natureza, pola amizade e os coidados, pola liberdade, pola paz, pola tolerancia e mais a igualdade entre homes e mulleres", engade a narradora oral.