
Tras o grande éxito de 2022, o FIC Vía XIV promoverá unha nova cata de cervexas dispostas a saciar os padais máis esixentes. Esta actividade fusionarase coa música porque o considerado mellor tirador de cervexa de España e DJ de música en galego, Gustavo Rey, ofrecerá unha sesión de música en directo durante o decurso desta cata xunto ao seu colega, o tamén músico, Óscar Piñeiro.
Outra das actividades gastronómicas que se impulsarán estará patrocinada pola Denominación de Orixe Monterrei e dirixida polos seus profesionais, xunto aos que veciñanza e convidados ao FIC poderán gozar dunha degustación dos viños máis representativos da zona nunha cata na que se achegarán claves sobre os valores diferenciais dos brancos e tintos desta D.O.
Xunto a isto, e grazas ao apoio da hostalaría de Verín, O FIC retoma este ano unha nova edición da iniciativa “Pincho cine”, unha actividade gastronómica que permitirá aos veciños e veciñas da vila degustar unha selección de petiscos en diferentes locais de restauración que serán elaborados baseándose en temáticas e escenas cinematográficas ben recoñecidas polo gran público.
Actividade de pago baixo inscrición previa (os interesad@s poden anotarse no formulario habilitado na web ficviaxiv.com).
Espazo exterior do Auditorio de Verín
15-09-2023 // 22.00 horas