

Unha das actividades paralelas que se celebran ao abeiro da V edición do Festival Internacional de Curtas de Verín Vía XIV é a estrea oficial do documental Entroidar, un proxecto que ten a súa xénese en edicións pasadas do FIC.
Precisamente, o director deste traballo audiovisual, o compostelán Pablo Ces, e un dos técnicos que ano tras ano fan posibles as proxeccións no noso Festival.
Ces entrou en contacto con xente da comarca e decidiu plasmar nun traballo documental de seu a singularidade do Entroido de Laza, “un lugar no que esta festa se vive case coma unha relixión”, tal e como afirma o responsable do documental.
Tras a súa primeira visita a este Entroido, en 2018, Ces quedou impresionado pola autenticidade da festa e decidiuse a filmar un documental de índole etnográfica, que agarda poida ter percorrido en diferentes festivais, tras a súa estrea en Verín.
Piares
Entroidar é un traballo audiovisual que se sostén sobre varios piares fundamentais: as personaxes que fan posible o Entroido, os lugares nos que se fai e a propia celebración.
Tal como destaca o seu director, o documental busca desbotar mitos e quere achegar unha ollada a “como se transforman as persoas que están detrás das personaxes do Entroido de Laza”.
Máis info sobre o proxecto en www.entroidar.com