Creadores e creadoras locais presentan as súas obras no marco do Festival Internacional de Curtas de Verín

  • Os traballos, fóra das seccións oficiais a concurso, foron programados no marco do espazo Foco local, que pretende poñer en valor o talento da vila no eido audiovisual
  • Dentro de Foco local exhibiuse a obra Mar en silencio, de Daniel Dapía, e un adianto do proxecto A laranxa completa, de Iris Justo e FEMURO

 

“En Verín temos un inmenso talento no eido artístico e tamén no ámbito audiovisual. Para presentar algúns dos traballos levados a cabo polos creadores e creadoras da zona, este ano programamos o espazo Foco local no marco do noso Festival Internacional de Curtas”. Son palabras de Carlos Montero, director do FIC Vía XIV, para poñer en valor unha actividade paralela desenvolvida esta tarde no Auditorio de Verín, que permitiu coñecer dous traballos audiovisuais dirixidos por Daniel Dapía e Iris Justo, naturais da vila do Támega.

Ambas as pezas preséntanse fóra de concurso. A primeira delas, Mar en silencio, é unha curta dirixida por Daniel Dapía Barral. Licenciado en Filosofía, publicou en galego a obra de teatro Evocación do Raio e contos nas revistas Madrygal e Elipse, así como crítica literaria en Quimera e Fábula. Ademais de Mar en silencio, exhibida esta tarde en Verín, dirixiu outra curta titulada Flores de Paja.

En Mar en silencio Daniel Dapía preséntanos a un vello mariñeiro, só en terra, que escoita o silencio do mar. O mar vive no seu interior, é baleiro e desesperación e afástase cada noite en silencio.

Dirixida por Iris Justo e FEMURO, A laranxa completa, cuxo adianto puido verse esta tarde no Auditorio de Verín, é unha webserie de tipo documental que desafía os estereotipos e mitos do amor romántico. Un proxecto de FEMURO producido con CRU Producións no que, a través de diferentes episodios, se exploran as experiencias de diferentes mulleres e de como enfrontaron e superaron as expectativas pouco realistas impostas pola sociedade nas súas relacións amorosas.

“Quixemos reflexionar, con este traballo, sobre o desequilibrio social entre homes e mulleres no noso país”, destaca Iris Justo quen salienta, ademais, que se trata dun “proxecto que se constrúe a través de conversas clave en seis lugares da comarca de Monterrei”.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *