
Dereito e cinema
“Teremos que falar”, di Henry Fonda tras ser o único dos Doce homes sen piedade que ergue a man cando se pregunta quen cre que o acusado é inocente. “Debémoslle verbas”, engade despois, que é tanto coma dicir que lle deben, polo menos, un procedemento que insunfle racionalidade ao veredicto, sexa cal sexa o seu contido.
Doce homes sen piedade é so unha das moitísimas películas (ás que hai que engadir as series de televisión) que se pode empregar e que se ten utilizado para falar de cuestións directa ou indirectamente relacionadas co Dereito, para explorar o universo xurídico.
O movemento Law and Cinema xorde con forza nos anos 90 do século pasado nas universidades norteamericanas e, dende alí, é importado con éxito por un bo número de facultades de Dereito europeas, que van incorporando o recurso do cinema nas clases, seminarios, congresos, relatorios, cursos, etc. Introdúcese así na docencia un elemento, o da imaxe, co que a Ciencia Xurídica mantivo sempre relacións difíciles.
Falar de Dereito a través do cinema
Law and Cinema (como antes Law and Literature) nace con vocación de subvertir a ensinanza do dereito, e con isto, o dereito mesmo. Empregando secuencias de Doce homes sen piedade, María José García Salgado, profesora da área de Filosofía do Dereito da Universidade de Oviedo dende 1994, analizará o movemento Dereito e cinema en particular, e os xeitos e métodos de ensinanza do dereito en xeral, e comentará, a base de fotogramas, as principais características do proceso penal no noso sistema xurídico e as dificultades á hora de establecer, nun caso concreto, tanto cal é a norma aplicables como cales son os feitos que se consideran probados.
Coa película como banco de imaxes, haberá ocasión de falar da institución do xurado, da presunción de inocencia, da proba xudicial e de todas as cuestión que o público queira plantexar e discutir. En definitiva, será unha sesión para falar de Dereito a través do cinema.