Xoves 1 de setembro. 20,30h. Auditorio.

O Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV, acollerá a actividade paralela Entroido: outras miradas. Ao igual que en anos anteriores, a temática do Entroido será un dos piares fundamentais da programación paralela do FIC e, nesta ocasión, serao a traves de narrativas menos convencionais.
Dunha banda, dentro desta acción prevista no programa proxectarase unha sesión de curtametraxes cuxo fío condutor será o Entroido dende unha visión de orixe e posta en común das diferentes tradicións arredor desta celebración. Son pezas de diferentes entroidos do mundo, coa finalidade de comprobar como dialogan estas tradicións en latitudes tan diversas.
As pezas que poderán verse son:
Nan Lakou Karnaval
de Kaveh Nabatian (HT, 2014, 9')
Viaxe polo entroido haitiano vivido por unha muller nova, na fronteira entre o documental, o poema visual e a alucinación. Anxos da morte e grupos de homes cubertos de xarope negro enfróntanse a un xigante con ollos de lume, ao ritmo da música ‘rara’ e ‘raboday’ haitiana.
Pasaia
de Grossmann (FR, 2021, 23')
Galería de monstros, desfiles musicais, abismo dun espazo e dun tempo mistificados, gran circo estacional convulso, esta exploración fílmica mergúllanos nun mundo moi afastado, onde a mitoloxía vasca se tece en paisaxes atemporais. Os costumes e as crenzas conflúen nun ritual ancestral.
Malanka
de Paul-Louis Léger e Pascal Messaoudi (FR, 2018, 13´)
Nalgún lugar nos outeiros de Ucrania, preto da fronteira con Romanía, Gigi está a celebrar Malanka, unha festa pagá na que os osos son os heroes.
A sesión finalizará cunha curta filmada nos anos 70 en Laza:
Peliqueiros
do Equipo Lupa (GZ, 1973, 35’)
A filmación do entroido ourensán mantense coma un motivo case que constante nas distintas iniciativas cinematográficas da década, mais será a visita do grupo Lupa ao entroido de Laza e os seus célebres peliqueiros a que de comezo ao rexistro desta singular festividade.
Doutra banda, representarase a performance CARRILANO KAOS de Álvaro Rúa, un proxecto concibido por este mozo verinés de 31 anos que xorde como traballo de investigación final para o seu Grao de Música, cursado no Conservatorio de Vigo.
CARRILANO KAOS explora a temática do Entroido a través do son da gaita en DÓ, con técnicas estendidas, e plantexa unha narrativa que “ten que ver coa renovación da vida que trae consigo o Entroido”, sinala o seu autor.