
Trátase dun espazo dentro do FIC Vía XIV para que creadores e creadoras locais presenten as súas pezas dentro do foro e as proxecten. Un destes creadores vai ser Daniel Dapía Barral, natural de Verín e licenciado en Filosofía. Publicou en galego a obra de teatro Evocación do Raio e contos nas revistas Madrygal e Elipse, así como crítica literaria en Quimera e Fábula. Ademais dirixiu as curtametraxes Flores de Paja e Mar en Silencio.
Este segundo título será o que se proxecte no denominado Foco Local, que se desenvolverá o luns 11 de setembro a partir das 17.00 horas no Auditorio.
“Só, en terra, un vello mariñeiro escoita o silencio do mar. O mar vive no seu interior, é baleiro e desesperación, e afástase cada noite en silencio”, detalla a sinopse desta curtametraxe.
Tamén coñeceremos neste espazo o proxecto A laranxa completa de Fermuro Ourense Verín e CRU Prod, xunto a Iris Xusto.