- Está dirixido por Xosé Lois Santiago “Pello”, natural de Castrelo do Val, e Fran Naveira
Verín, 07 de agosto de 2020.- Como parte da axenda de actividades paralelas da vindeira edición do FIC Vía XIV, Verín acollerá a proxección do documental histórico Hijas de Galicia, Macorinas, dirixido por Xosé Lois Santiago “Pello” e Fran Naveira. Trátase dun traballo que conta a historia de explotación dunha parte da emigración feminina galega a Cuba, establecendo analoxías con situacións que acontecen na actualidade con migrantes en diferentes partes do mundo.
O documental conta a historia da asociación “Hijas de Galicia”, formada por esas mulleres emigradas galegas e pon de manifesto diversas historias de protagonistas que sufriron enganos para entrar a formar parte da prostitución cubana a comezos do século pasado.
“A situación non deixa de ser similar á doutras mulleres que hoxe en día emigran á nosa terra, ou a outros lugares, e rematan desempeñando a mesma función, sendo explotadas por mafias sexuais”, destaca o co-director do documental, Xosé Lois Santiago “Pello”.
Tal e como relata “Pello”, obter información, datos e imaxes destas mulleres emigrantes galegas tornouse un labor moi complicado, debido principalmente ao escurantismo e ás doses de vergoña que acarrexa o concepto de prostitución.

Expertos e testemuñas
“Cando abordamos o desenvolvemento deste proxecto puxémonos en contacto con investigadores; tanto galegos coma cubanos; estudosos, expertos e testemuñas directas e indirectas deste asunto”, abonda “Pello”. “O noso medo inicial ao chegar a La Habana era non atopar suficiente información sobre o tema. Pero isto desvaneceuse cando comezamos a falar cos nosos asesores e contactos”, engade.
“A partir dese momento, un mundo que estivera agochado saiu á luz e afloraron diversas testemuñas que recollemos nas nosas visitas a illa”, destaca o co-autor desta obra, de 65 minutos de duración, que foi gravada en Cuba entre os anos 2012 e 2019.

Deixa unha resposta