
Tras o grande éxito de 2022, o FIC Vía XIV promoverá unha nova cata de cervexas dispostas a saciar os padais máis esixentes. Esta actividade fusionarase coa música porque o considerado mellor tirador de cervexa de España e DJ de música en galego, Gustavo Rey, ofrecerá unha sesión en directo durante o decurso desta cata xunto ao seu colega, o tamén músico, Óscar Piñeiro.
A experiencia, denominada Hop & Roll, ensinará a valorar as grandes cervexas descoñecidas do noso panorama, mentres se maridan con produtos gastronómicos da terra como queixos ou conservas, especialmente selecionadas para encaixar con cada referencia.
Esta actividade complétase combinando cada tándem gastronómico coa obra musical de artistas de Galicia que transmiten e expresan as mesmas enerxías e matices experimentadas na nosa boca, nariz e vista.
Ademais, presentamos a parte musical deste conxunto no formato máis puro e orixinal, o vinilo, que lonxe de mostrarse coma un obxeto obsoleto representa á perfección a calidade, orixinalidade e compromiso cos proxectos gastronómicos e culturais da nosa terra. Polo tanto, como guinda, coroamos a actividade cunha pinchada man a man 100% galega e 100% en vinilo mentres compartimos experiencias, opinións e seguimos a desfrutar desta inmersión no panorama gastrocultural do noso país
Actividade de pago (12 euros) baixo inscrición previa (os interesad@s poden anotarse no formulario habilitado en esta web).
Espazo exterior do Auditorio de Verín
15-09-2023 // 22.00 horas