- O actor gañador dun Goya recibiu a homenaxe da organización do FIC Vía XIV 2020
Verín, 11 de setembro de 2020.- O prolífico actor galego Luis Zahera, con ampla experiencia en cinema, televisión e teatro e gañador dun Premio Goya ao Mellor Actor de Reparto en 2018 por El Reino, reinou hoxe en Verín ao lograr colgar o cartel de completo no Auditorio, onde interviu no marco da homenaxe que a organización do FIC Vía XIV lle rendeu. Deste xeito, Zahera recolleu a testemuña de Mabel Rivera, a actriz que foi recoñecida na anterior edición do certame.
No acto de homenaxe, o propio Zahera departiu cos asistentes sobre a súa traxectoria e destacou que as mostras de agarimo son moi agradecidas, sobre todo no contexto actual, ao que se referiu como “raro para a cultura”.
Zahera coincidiu coa organización do FIC na premisa que se leva defendendo ao longo de toda a semana dende Verín: a de que a cultura e o entretemento non poden deterse, posto que se tornaron “máis necesarios ca nunca” durante a situación provocada polo estado de alarma e o confinamento.
Selección de curtas
O público que acudiu ao Auditorio a presenciar a homenaxe a Zahera puido desfrutar do visionado dunha selección de curtas nas que este participou como actor. Os títulos elixidos foron El premio, Marina, O Matachín e Planeta azul.

Deixa unha resposta