- A actriz ferrolá foi homenaxeada pola Dirección do FIC Vía XIV nun acto que se celebrou esta tarde no Auditorio da vila
- Os verinenses puideron desfrutar dunha selección de curtas da fimografía da gañadora do Goya por Mar Adentro

Verín, 06 de decembro de 2019.- A actriz de Ferrol Mabel Rivera, ben coñecida polo gran público grazas aos seus papeis en televisión e cinema, foi homenaxeada este ano pola Dirección do FIC Vía XIV de Verín, cun acto que se desenvolveu este serán no Auditorio da vila. Deste xeito, Rivera tomou o relevo de Antonio Durán “Morris”, a quen o Festival de Curtas de Verín rendeu homenaxe o ano pasado. Os verinenses que asistiron á homenaxe a Rivera puideron, ademais, desfrutar dunha selección de curtas da súa filmografía.
Deste xeito, en Verín proxectáronse, ao abeiro deste acto de homenaxe, as curtas Ato San Nen, de Pedro Collantes; Muero por volver, de Javier Marco; Dantzariak (Bailarines), de Axier Salazar e Anacos, de Xacio Baño. En todas ela participa, como actriz principal, a gañadora do Goya 2005 á mellor actriz de reparto por Mar Adentro.
Apoio ao FIC Vía XIV
A actriz afirmou sentirse moi agradecida pola homenaxe, e expresou o seu apoio ao FIC Vía XIV de Verín, como proposta e espazo cultural que tenta achegar as novidades e tendencias cinematográficas a unha parte da poboación que, polo seu emprazamento periférico, ten menos opcións de ocio e lecer que os habitantes das urbes.
Deixa unha resposta