Máis de 700 curtas optan a participar no Festival Internacional Vía XIV de Verín

Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV de Verín

  • As pezas proceden de 15 países diferentes entre os que se inclúen Brasil, Arxentina, Colombia, Francia ou Corea do Sur

Verín, 28 de outubro de 2017.- Máis de 700 traballos optan a participar nas diversas categorías oficiais da segunda edición do Festival Internacional de Curtas (FIC) de Verín Vía XIV, que se desenvolverá na vila do Támega entre o 1 e o 10 de decembro. Esta cifra “supera en máis dun 10% o número de pezas recibidas o ano pasado”, segundo destaca Carlos Montero, director do FIC. “Para un festival coma o noso, que pode aínda considerarse novel, é un orgullo contar con este elevado grao de participación”, engade.

Un total de 408 das curtas recibidas proceden de España; 76 do Brasil; 35 de Arxentina; 24 de Colombia; 20 de Francia; 18 de México; 18 de Chile e 10 de Italia. O resto proceden de países como Corea do Sur (7), Irán (6), India (5), Uruguai (5), Reino Unido  (5), Rusia (5) e Alemaña (4).  O prazo para presentar traballos a concurso concluíu o pasado 23 de outubro.

Selección de traballos

Ademais das curtas recibidas (646), os organizadores do Festival buscaron de xeito proactivo, ao longo dos últimos meses, pezas para optar a concurso en diferentes foros e festivais de cinema dentro de España e máis alá das súas fronteiras. Así, membros da organización do FIC Verin estiveron nos festivales portugueses de Vila do Conde e Lisboa e tamén na República Checa. Xunto a isto, realizaron prospeccións nos festivais de Berlín, Rotterdam e Cannes.

A organización do festival debe agora decidir cantas das propostas recibidas se axustan aos parámetros establecidos e posúen calidade suficiente para concursar oficialmente no FIC 2017 “A finais de novembro presentaremos a selección final de propostas candidatas a concurso”, engade Montero.

O Festival Internacional de Curtas de Verin Vía XIV conta con catro categorías oficiais diferentes. Dunha banda, Entroido-Outra Mirada que recolle obras que “destrúen as regras cartesianas, crean espazos alternativos, experimentan coa linguaxe cinematográfica ou manexan códigos surrealistas e oníricios”, afirma o director do FIC.

Xunto a isto, a categoría Migración-Fronteira incide “na idea do horizonte como liña imaxinaria e invisible, lonxana e inalcanzable como metáfora da Migración”. Finalmente, a categoría Nova, creada este ano, incluirá traballos “que non teñen cabida nas outras temáticas  categorizadas, tales coma films contemporáneos, cinema de autor e obras que non se rexen por formatos industriais comerciais”. Trátase “dunha categoría xeral que incrementará a calidade das proxeccións”, finaliza Montero. Finalmente, dada a singularidade do territorio de Verín e a súa proximidade a Portugal, non podía faltar no marco do FIC 2017 a categoría A Raia, que incluirá unha selección de curtas de cineastas galegos e lusos.

 

 

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *