O cartel ilustrador da VI edición do FIC Vía XIV inspírase na película A rosa púrpura do Cairo de Woody Allen e convida ao espectador a somerxerse no festival

  • O cartaz, realizado pola deseñadora Aurora López, está baseado nunha idea de Jorge Godás, responsable de creatividade do certame

Verín, 09 de abril de 2021.- A VI edición do Festival Internacional de Curtas, FIC Vía XIV, de Verín xa conta con cartel ilustrador. Baséase nunha idea de Jorge Godás, director de Creatividade do certame, e foi desenvolvido pola deseñadora Aurora López, natural de Albarellos de Monterrei, que xa asinara o cartel na III edición do certame. Nesta ocasión, a idea gráfica inspírase na famosa película de Woody Allen, A rosa púrpura do Cairo, e convida ao espectador a somerxerse no festival.

Recreando unha das escenas máis coñecidas do filme, na gráfica vese como o actor protagonista introduce dentro da pantalla de cinema a unha espectadora. “Tentar que os asistentes ao FIC se somerxan completamente na  programación oficial e paralela que imos preparar para todos e todas é o noso obxectivo como organizadores e queriamos que a idea se plasmara no cartel ilustrativo do certame”, asegura Carlos Montero, director do Festival.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza, sinalou durante a presentación que “o certame de curtas verinés atópase plenamente consolidado na axenda cultural, de ocio e de lecer da vila, logo de seis edicións”. Xunto a isto, a edil indicou que “a celebración do certame en 2020 amosou que se pode recuperar a cultura en época de pandemia, sempre dun xeito seguro” e esta mesma premisa rexerá na VI edición do certame.

Un festival seguro

Na gráfica pode verse como a espectadora que traspasa a pantalla leva máscara. Nesta idea, na da seguridade, os organizadores do FIC Vía XIV queren incidir especialmente por segundo ano consecutivo. Vaise deseñar de novo un estrito protocolo anti-Covid para despregar durante os días que dure o certame no Auditorio de Verín, entre o 4 e o 12 de setembro.

Finalmente, nas butacas do cinema que recrea a gráfica, o espectador máis cinéfilo captará detalles moi ligados á sétima arte como os anteollos de Woody Allen, a princesa Leia ou a nena do Mago de Oz, entre outras iconas características do cinema.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *