O Festival de Curtas de Verín -VIA XIV- terá como voluntarios a alumnos de Ciencias da Comunicación da USC

  • Os estudantes obterán un diploma de recoñecemento académico con créditos por participar na organización do certame.

O Festival de Verín contará na súa primeira edición con voluntarios dos graos de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela. Estes alumnos realizarán tarefas, de prensa, xestión de redes sociais e produción audiovisual antes e durante o evento.

En total son 11 os voluntarios que xa están a traballar, sempre tutelados pola dirección do certame, en tarefas de comunicación do Festival e que se desprazarán a Verín durante a semana do 5 ao 11 de decembro, na que se celebra o Vía XIV Festival de Curtos de Verín, para continuar desenvolvendo estas actividades.

A colaboración parte dun convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Verín. Os estudantes están integrados no mesmo a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria, o que lles permitirá, se cumpren os requisitos, obter un diploma de recoñecemento académico con créditos por participar na organización do certame.

Este convenio supón unha oportunidade de voluntariado enfocada á vida profesional destes estudantes, que terán a oportunidade de traballar man a man con expertos do sector e participar activamente na produción integral dun evento internacional como o Festival de Curtos de Verín in situ.

A área de Cultura do Concello de Verín, tras conseguir consolidar propostas de teatro música e cinema na vila, aposta por unha iniciativa audiovisual de primeiro nivel. Trátase de VÍA XIV, o primeiro Festival Internacional de Curtametraxes de Verín. O festival celebrarase do 5 ao 11 de decembro, co Auditorio Municipal e a Casa da Cultura como epicentros das proxeccións, e estará formada por tres seccións a concurso: Fronteiras, Emigración e Entroido. Paralelamente, organizaranse conferencias e foros temáticos complementarias ás seccións competitivas, un taller de realización de documentais e actividades didácticas audiovisuais para os máis pequenos.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *