
Jorge Coira naceu na localidade lucense de Rábade. É un importante director, guionista e montador tanto de cine como de televisión. Cunha formación autodidacta, comezou a súa andaina profesional a finais dos anos 90. Dende entón, a traxectoria do rabanense mantén unha tendencia exitosa. Destacan as súas curtametraxes Mofa e Befa en Gran liquidación e O matachín, as longametraxes O ano da carracha e 18 comidas e os documentais Torre de Breoghán, ¿Qué culpa tiene el tomate? e Días de reparto. En televisión, participou en proxectos con moita repercusión como as series Luci e RIS. No presente ano, recibiu un Goya pola montaxe do filme El desconocido.

A actriz ourensá Ledicia Sola é coñecida polo seu traballo en series de televisión, cine e teatro. Participou nas series Gran reserva, O nordés e Periodistas, entre moitas outras, representando en cada unha os papeis de Mónica Robledano, Eva Mouzo e Aissa respectivamente. Tamén traballou nas curtometraxes A través del espejo e El gol en propia meta. No teatro, formou parte das obras El apagón e Amigos ata a morte. Esta polifacética intérprete puxo en escena o papel de Viguesa en A esmorga e de Nina en Os fenómenos. Por este último proxecto recibiu o premio Meste Mateo por Mellor Actriz de Reparto no ano 2014.

Carla Pinho naceu en Angola. Aos 7 anos mudouse a unha aldea de Montealegre. Máis adiante, remataba os seus estudos universitarios de Xeoloxía na cidade de Oporto. Actualmente vive en Vilarelho da Raia e é profesora da materia Bioloxía e Xeoloxía en Chaves. É a presidenta do cineclub de Chaves, asociación que realiza anualmente a mostra de cinema À Raia! coa finalidade de promover e divulgar o sétimo arte portugués e galego.

Alberte Branco, membro da Asociación Española de autores de obras Cinematográficas e da Academia Galega do Audiovisual, xa leva na súa traxectoria de director de fotografía nove longametraxes tanto de ficción coma de non ficción. Conta con catro premios pola súa labor profesional: o de Melhor Fotografía pola longa-metragem Os fenómenos do Festival Ibero-Americano de Cinema en Fortaleza; o de Mellor Dirección de Fotografía nos Premios Mestre Mateo por Encallados e Vilamor e o Best Cinematography no New York City Film Festival por Vilamor.

Emilia Somoza, natural de Viana do Bolo, é a Concelleira de Cultura de Verín. Ademais, é membro do equipo directivo do Festival Internacional de Curtas Vía XIV. Dende hai 8 anos participa nun grupo teatral da vila. Participa anualmente na preparación do Festival de Teatro Entreculturas, que xa cumpre 7 anos. A finalidade desta cita é coñecer e interactuar con outros grupos teatrais tanto da Galiza coma de Portugal, deixando apertura tamén para o resto de comunidades do Estado Español.