O FIC Vía XIV 2023 bota o pano poñendo en valor o papel do cinema como faro para o pensamento crítico

  • A entrega de premios e clausura do certame tivo lugar esta tarde no auditorio da capital do Támega nun acto no que interviron o alcalde da localidade, Gerardo Seoane; a concelleira de Cultura, Samanta Barreira; e o director do festival, Carlos Montero
  • Os traballos gañadores nesta edición do foro foron as curtas 11.20 A.M.; Raticide; One Minute e Papirola; mentres o título Ice Merchants obtivo unha mención especial do xurado e El bus foi o traballo merecente do premio do público

 

A VIII edición do FIC Vía XIV de Verín botou o pano este será no auditorio da vila coa celebración dunha gala de clausura que estivo conducida polo actor galego Manuel Cortés. No decurso do acto, déronse a coñecer os nomes dos títulos das curtas gañadoras dentro de cada unha das categorías oficiais do certame, outorgadas por un xurado do que formaron parte Nora Sola, Toni Salgado e Nicolás Afonso, así coma o premio do público.

No marco da categoría oficial Horizontes o traballo premiado foi 11.20. A.M. de Dimitris Nakos (Grecia); a mellor curta de A Raia foi Raticide, un traballo de Joao Niza (Portugal); o premio á mellor peza exhibida na categoría Nova foi para One Minute, de Matilde Sköld e Markus Svanberg (Suecia) e como mellor curta dentro da categoría Infantil, de nova creación este ano, foi elixido o título Papirola, un traballo de Fabián Molinaro, con sello español. O premio especial do público recaeu no título El Bus, de Sandra Reina (España). Doutra banda, o film Ice Merchants, de Joao González (Portugal), recibiu unha mención especial do xurado dentro da categoría A Raia.

Durante a gala de clausura tamén se entregaron dous premios correspondentes a dúas das actividades paralelas celebradas ao longo destes días ao abeiro do certame. O traballo gañador do concurso de pintura, posto en marcha este ano por vez primeira pola organización do FIC Vía XIV para que aqueles artistas gráficos maiores de 16 anos plasmasen sobre lenzo unha escena ben recoñecida da historia da cinematografía, foi Daniela Domínguez coa súa obra Undine, de Christian Petzold. Doutra banda, o establecemento que gañou o concurso de escaparatismo promovido conxuntamente entre a Asociación Cultural Vía XIV e AEVER foi Noisiness Verín. Tratouse dunha iniciativa que convidou aos diferentes establecementos comerciais da vila a engalanar as súas vitrinas con motivos relacionados coa sétima arte.

Durante a súa intervención no acto de clausura, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, destacou que este foro cinematográfico  “axuda a estender a marca Verín máis aló das nosas fronteiras” e que “a súa repercusión nos medios é importantísima como “factor intanxible para a atracción turística”.

Tamén puxo en valor que, ao seu xuízo, un dos factores diferenciais do FIC Vía XIV é que está feito “case integramente” por profesionais que proceden ou habitan directamente en Verín, axudando a impulsar a “canteira local” arredor do audiovisual.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Samanta Barreira, referiuse á intensa aposta que o Concello de Verín realiza dende hai anos pola dinamización cultural do municipio. Precisamente, tal e como considerou, o FIC Vía XIV é unha das probas máis evidentes desta aposta, unha iniciativa que cómpre “protexer” e “compartir” en tanto en canto consegue achegar o interese polo cinema  “a toda a cidadanía, tamén aos máis pequenos”.

Barreira tamén se referiu ao poder do cinema para converter “calquera espazo nunha casa”. “Nunha casa chea de entretemento, transgresión, pensamento e aprendizaxe. Cun poder transformador e de xeración de espírito crítico inesgotable”, anotou.

Finalmente, o director do certame, Carlos Montero, vertebrou a súa intervención durante o acto de clausura e entrega de premios no papel do FIC Vía XIV, en particular, e do cinema, en xeral, como foro catalizador para o pensamento crítico. “Este ano, máis ca nunca, quixemos que o FIC se erguera como un faro de pensamento crítico. Por este motivo, incluímos tanto na programación oficial presentada a concurso como nas actividades paralelas diversas temáticas de índole social. Puxemos o foco, especialmente, en asuntos que nos convidan a pensar sobre cuestións tan diversas e de calado social como a sostibilidade ambiental, a realidade das persoas refuxiadas ou o papel transformador que a Intelixencia Artificial pode ter na cultura”, considerou.

“Quixemos, pois, que o espazo que ofrecemos a todos os habitantes de Verín e comarca, o do FIC Vía XIV, transcendera o seu papel propiamente visual para achegarnos -dende un punto de vista crítico e reflexivo- a diferentes asuntos que coidamos van ter un desempeño preponderante no futuro do eido cinematográfico, en particular, e cultural, en xeral”, concluíu Montero.

Ademais de poñer en valor a calidade de todos os traballos presentados a concurso e felicitar aos gañadores e gañadoras, o director do FIC tamén puxo en valor a completa axenda de actividades paralelas perfiladas para todos os públicos e que se celebraron durante toda a semana en Verín, no marco do certame, entre as que destacou concertos, degustacións gastronómicas ou iniciativas formativas orientadas principalmente cara a un público de carácter máis profesional.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *