O FIC VÍA XIV
COMO FARO DE PENSAMENTO CRÍTICO

 

Os festivais de cinema como o FIC Vía XIV érguense como faros de pensamento crítico, ofrecendo un espazo no que as películas transcenden o seu papel propiamente visual para converterse en catalizadores de diálogo e acción. Son foros nos que a audiencia é desafíada a contemplar, debater e actuar ante as cuestións apremiantes do noso tempo, lembrándonos que a cinematografia pode ser moito máis que unha distracción: agroma como un medio poderoso para moldear a comprensión colectiva e catalizar o cambio.

Neste sentido, o FIC Vía XIV ensancha e afina a súa axenda en cada nova edición para converter Verín no epicentro da cultura do sur de Ourense. E xa non só durante a semana que se celebra, senón ao longo de todo o ano, coa intención última de devir nun contedor cultural de carácter estable dentro da vila.

Da calzada romana que cruza o val atravesado polo río Támega dende hai máis de 2.000 anos toma o nome o noso festival. Evocando unha ruta física, trazamos un camiño cultural para atraer a mirada de creadores e creadoras de todo o mundo ata Verín e achegar a cinematografia a unha contorna particularmente periférica dentro da nosa comunidade. Poñer en marcha un evento destas características nun territorio afastado do circuito de festivais, no interior de Galicia, supón un verdadeiro reto, que se traduce no gratificante froito de contribuir á dinamización cultural dun espazo xeográfico marcado por unha forte impronta rural.

O FIC Vía XIV é posible grazas a un equipo cheo de paixón que foi medrando paseniñamente, creando canteira e incorporando a persoas que comenzaron traballando ao abeiro do certame como axudantes ou bolseiras e que hoxe son profesionais do audiovisual de primeiro nivel.

O Concurso oficial do FIC divídese en tres categorías que orbitan ao redor de distintos elementos que definen a idiosincrasia da comarca como poden ser os conceptos de Fronteira, Emigración ou o Entroido, a través das categorías de Horizonte (metáfora das fronteiras), A Raia (cine galego-portugués) e Nova (temática aberta).

O FIC traballa para concienciar ao público sobre temas que definen a nosa sociedade. Por iso, moitas das curtas que se proxectan como as actividades paralelas que se programan xiran entorno a temas candentes a nivel sociopolítico. A realidade das persoas refuxias a sostibilidade e preservación do medio ambiente, a loita contra o cambio climático ou a igualdade de xénero e liberdade afectivosexual son so alguns exemplos. Ademáis, o FIC Vía XIV de Verín singularízase porque pon no centro as persoas que forman parte del, trascendendo o ámbito puramente cinematográfico. Programa cada ano diferentes actividades paralelas relacionadas coa música ou a gastronomía, entre outras disciplinas, así como obradoiros orientados a perfís máis profesionais co obxectivo de que estes poidan seguir formámdose xerar redes de networking.

O FIC conta cun xurado profesional que outorga cada ano os premios ás mellores curtametraxes de cada categoría. Este ano, como novidade, contaremos cun xurado novo, que estará conformado por mozos e mozas da contorna con intereses na cultura e no audiovisual. Ademais, o festival ten moi en conta a opinión das súas espectadoras. Cada ano realízase unha votación popular para que a veciñanza elixa a súa curta favorita Elementos diferenciais, todos eles, que se complementan coa idea de facer partícipes do certame a artistas da bisbarra, dándolles a oportunidade de que se coñeza a súa obra e de ser integrantes deste foro de dinamización cultural.

Baixo a perspectiva, pois, de continuar medrando e axudando a fortalecer a marca “Verín”o FIC Vía XIV segue traballando. Que cineastas de diversas partes do mundo se acheguen ata a nosa localidade para expoñer as súas obras é un fito moi relevante para un territorio das nosas dimensións. Como tamén o é o feito de que o noso festival poña o seu selo nos créditos de cada curta, un marchamo que vai viaxar sempre polo mundo achegando o nome do noso recuncho xeográfico, emprazado no sureste de Ourense, a diferentes partes do globo a través da maxia do cinema. Queremos, a través deste festival, visibilizar a comarca e poñer en valor todo o seu potencial turístico.

 

ORGANIZA:

ALTO PATROCINIO:

CONTACTO

ESCRÍBENOS! RESPONDERÉMOSCHE
AXIÑA POR CORREO

Contacta

LAURELES