O FIC Vía XIV de Verín atraeu este ano de xeito presencial a 2.500 persoas ao abeiro das súas proxeccións oficiais e actividades paralelas

  • Carlos Montero, director do festival, afirma que o certame actúa como foro de dinamización cultural e tamén como polo de atracción turística

Arredor de 2.500 persoas participaron durante os nove días que durou o FIC Vía XIV 2023 nalgunha das actividades propostas ao abeiro da axenda do certame, así coma no visionado das curtas presentadas a concurso dentro das diferentes categorías oficiais. Xunto a isto, 100 persoas máis seguiron a gala de clausura e entrega de premios de xeito online. As actividades máis exitosas deste ano foron o pase que Pepe Viyuela ofreceu no auditorio da súa obra Encerrona, que colgou o cartel de completo enchendo as 350 butacas do recinto, e tamén a actividade infantil Vémonos no futuro. Esta última, dirixida pola narradora oral Raquel Queizás, convidou a máis de 500 cativos e cativas de seis centros educativos da comarca a mergullarse na maxia do cinema a través do fío condutor da ciencia ficción e programou unha serie de curtas especificamente orientada para a infancia.

Xunto a isto, a práctica totalidade das actividades paralelas de carácter profesional -talleres e obradoiros de diversa temática- completaron o seu aforo. E tamén foron particularmente populosas as diferentes catas e degustacións que se celebraron, tanto de viños amparados baixo o selo de calidade da D.O. Monterrei como de cervexas artesás, entre outras iniciativas.

A Praza García Barbón rexistrou tamén numerosa afluencia durante a noite do xoves 14 de setembro para desfrutar coa actuación de Caspervek, grupo que musicalizou en directo algunhas das curtas máis representativas do cinema mudo. A organización do FIC Vía XIV calcula que arredor de 200 persoas acudiron ao centro da vila nesta xornada para asistir a esta actuación musical.

Ademais, os diferentes axentes do tecido socioeconómico de Verín implicáronse activamente na iniciativa. Empresarios, comerciantes e hostaleiros secundaron diferentes actividades paralelas promovidas pola organización do certame promovendo, por exemplo, a decoración de diferentes escaparates de locais comerciais con motivos de cinema, sorteando entradas dobres para o espectáculo de Pepe Viyuela ou elaborando petiscos con “sabor a cinema” durante o Pincho Xoves, tal e como destaca Carlos Montero, director do FIC.

A todos eles, o director do festival quere agradecerlles a súa colaboración co certame, así como ao Concello de Verín. “Entre todos e todas estamos a facer un Verín máis vivo, máis dinámico, no que a cinematografía e a cultura ocupan un papel central”, destaca o director do festival. “Diferentes directores e directoras de curtas presentadas a concurso amosáronse gratamente sorprendidos co que aquí se atoparon, co noso territorio, cos nosos viños e co noso patrimonio e aseguráronnos que ían volver”, abonda. “Disto tamén trata o FIC Vía XIV -considera Montero-, de funcionar como polo para a atracción turística”.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *