O FIC VÍA XIV explorará nesta edición os límites das fronteiras mentais e contará por primeira vez cun xurado novo

O FIC VÍA XIV explorará nesta edición os límites das fronteiras mentais e contará por primeira vez cun xurado novo

  • O Festival Internacional de Curtas de Verín ven de lanzar a imaxe gráfica desta edición e de anunciar unha das grandes novidades deste ano.

O FIC Vía XIV de Verín acaba de anunciar a súa temática para este 2024. As curtametraxes que se proxectarán entre o 28 de agosto e o 7 de setembro explorarán os límites das nosas fronteiras mentais que, dende a organización, vinculan a “un territorio cuxa idiosincrasia está claramente marcada polos lindes, por ser unha vila fronteiriza”. Ademais, coa intención de involucrar no festival a mocidade da vila, o FIC Vía XIV contará nesta novena edición cun xurado novo do que pode formar parte calquera persoa menor de 30 anos con interese no audiovisual, mais que non se adique ao sector de forma profesional, e que teña vinculación coa comarca. O prazo para as inscricións remata o 21 de xuño e pode realizarse a través da web ficviaxiv.com.

O FIC Vía XIV orbita e medra ao redor de Verín. Nesta edición, o certame continúa explorando temáticas transversais á vila. Este 2024, as curtas proxectadas ampliarán o significado das fronteiras -trascendendo o puramente físico e xeográfico- para indagar nos nosos lindes mentais, nas barreiras psicolóxicas  ás que nos enfrontamos, así como a experiencias que desafían as nosas percepcións e nos levan a explorar novos territorios da conciencia. De aí a nova imaxe gráfica do festival, realizada por Patricia Portela, de The Office Comunicacion, e que leva ao visual o concepto dos límites da percepción humana. “Quería atopar unha imaxe central que nos levara á intriga, a ver que o suxeito realmente non ten saída”. Patricia explica que, ao combinalo cunha tipografía de trazo, “pretendía achegarnos á sensación dunha mente que non está ordenada. E a frase final lévanos a Matrix: pílula azul ou vermella? Queres vivir durmida ou prefires espertar?”

Desde os seus comezos, o FIC Vía XIV tivo como obxectivo poñer en valor o talento audiovisual e cultural da vila, así como potenciar o interese polo cinema entre a veciñanza. Por iso, nesta edición, o festival quere involucrar aínda máis á xuventude de Verín no evento. Dende a organización cren que “a mocidade da vila é o futuro do FIC Vía XIV” e, por iso, van crear un xurado novo cuxo veredicto resolverá o “Premio Xurado Novo do FIC Vía XIV”. Poderán anotarse todas as persoas menores de 30 anos, interesadas no audiovisual mais que non se dediquen profesionalmente ao sector, ata o vindeiro 21 de xuño. As inscripcións deberán realizarse a través da web ficviaxiv.com, onde tamén se atopan todas as bases de participación.

Serán cinco persoas en total as seleccionadas pola organización do festival para conformar este primeirísimo Xurado Novo. As participantes gozarán dunha acreditación e poderán acceder de balde a todas as proxeccións, ademáis de compartir o seu día a día como parte do equipo de profesionais do FIC. Ademáis, todas aquelas persoas que se inscriban, independentemente de resultar seleccionadas ou non para formar parte do xurado, gozarán tamén de pases de balde para asistir ás proxeccións oficiais durante o festival.