O FIC Vía XIV participou en Cine(ma) na Eurocidade, un evento que pretende achegarnos á realidade da Raia a través do audiovisual

  • Durante o evento proxectáronse dous filmes e houbo un coloquio entre membros do FIC Vía XIV de Verín e o Entrecurtas de Chaves

O Festival Internacional de Curtametraxes FIC Vía XIV participou este ano no evento “Cine(ma) na Eurocidade. Unha actividade que ten como finalidade achegar á veciñanza dun e do outro lado da raia a través do audiovisual. Na xornada proxectáronse dúas curtas e houbo un coloquio entre membros do FIC e do Entrecurtas.

Durante a actividade proxectáronse as curtas A memoria da Raia, de Iris Justo (Verín), e O contrabando na Raia Norte, de Pedro Freitas (Chaves). Ambas pezas botan unha ollada aos significados da Raia dende distintas perspectivas e como influíu historicamente a súa gran carga xeográfica, social e política na  vida de hoxe.

Tras as proxeccións, houbo un coloquio entre membros do FIC Vía XIV de Verín e o Entrecurtas de Chaves. Ambos festivais xa veñen colaborando este ano co fin de convertir ao audiovisual nun punto de encontro entre veciñanza dun e do outro lado da Raia. A directiva do FIC participou no Entrecurtas durante a súa celebración e, pola súa banda, o festival de Chaves tamén terá un rol activo durante a 9º edición do festival verinense. 

Dende a organización, poñen en valor o feito de que mocidade dun e do outro lado da Raia se interesen pola súa historia común a leven á pantalla. Salientan, tamén, o poder transformador da cultura para analizar e mirar dende novas perspectivas a realidade fronteiriza da veciñanza da Raia.