O FIC Vía XIV volve co seu concurso de pintura e chama aos establecementos da vila a engalanar os seus escaparates

A 9ª edición do FIC chama a participación das artistas da vila para unir cinema e artes gráficas

O Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV acolle de novo na súa 9º edición un concurso de pintura, con categoría sénior e infantil, co fin de achegar as artes gráficas ao cinema. Ademais, dende a organización fan un chamamento aos establecementos da vila a engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co cinema para mergullar a Verín nunha atmósfera cinematográfica durante a semana do festival. 

“Co fin de que a veciñanza tome partido no festival, e poder mesturar o audiovisual con outras artes gráficas, imos realizar un concurso de pintura con obras que representen a escena dalgunha película”, explicou Carlos Montero, director do certame. O evento terá lugar o día 1 de setembro no Auditorio Municipal e a resolución das gañadoras farase ao remate do festival, o sábado 7 de setembro durante a gala de peche do festival. O concurso conta cunha categoría infantil e outra sénior. As artistas poderán empregar un soporte material de libre elección (acrílico, óleo, grafito, acuarela, pinceis, lápices…) e terá que informarse do material escollido á organización no mesmo formulario de inscrición, que se atopa na web do FIC, www.ficviaxiv.com

Todas as participantes serán agasalladas cun pase para as curtametraxes que se exhiban a concurso nesta edición do FIC. Ademáis, desfrutarán dun petisco ofrecido pola organización. O xurado estará conformado por tres artistas locais que se desvelarán antes do concurso. O concurso conta con dous premios para cada categoría. O Premio Profesional, que constará unha noite no Boticas Hotel Art & Spa e premio do público, que constará dun lote de material promocional do FIC Vía XIV, lote de produtos gastronómicos locais e un pack de materiais de pintura. As inscricións poden realizarse ata o 29 de agosto a través da web do festival.

Dende a organización do festival fan tamén un chamamento aos establecementos  da vila  a decorar os seus escaparates con temática cinematográfica durante o festival. Queren, con isto, mergullar totalmente a Verín e a toda a xente da vila nun ambiente de cine. “Desde a organización, coma sempre, visibilizaremos a través das nosas redes sociais o gran traballo realizado polos establecementos que decoran os seus escaparates”, matizou Montero

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *