Os lazanos apoian masivamente a estrea do documental Entroidar

  • Trátase dun traballo dirixido polo compostelán Pablo Ces, centrado en divulgar a singularidade do Entroido de Laza

Verín, 08 de setembro de 2020.- Con cheo total de aforo, e moito público procedente de Laza, o Auditorio de Verín acolleu este serán a estrea oficial do documental Entroidar, dirixido polo compostelán Pablo Ces. Un traballo que se centra en divulgar o carácter especial e a singularidade do Entroido lazano, “un  lugar no que este se vive case coma unha relixión”, segundo asegura Ces.

Tras a súa primeira visita a este Entroido, en 2018, o director da obra quedou impresionado pola autenticidade da festa e decidiuse a filmar un documental de índole etnográfica, que agarda poida ter percorrido “en diferentes festivais”.

Piares

Entroidar é un documental que se sostén sobre varios piares fundamentais: as personaxes que fan posible o Entroido, os lugares nos que se fai e a propia celebración. Tal como destacou o director, o documental busca desbotar mitos e quere achegar unha ollada a “como se transforman as persoas que están detrás das personaxes do Entroido de Laza”.

Durante a pasada edición do FIC Vía XIV, celebrada en 2019, exhibiuse un avance deste documental e celebrouse un coloquio posterior no que participou o seu director, Pablo Ces. Cunha dilatada traxectoria no eido audiovisual, Ces conta cun premio Mestre Mateo, que obtivo en 2011 polo documental As silenciadas.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *