Un total de 32 curtas participarán na sección oficial da VIII edición do FIC Vía XIV de Verín, certame que este ano triplica a súa axenda de actividades paralelas

  • A programación completa da vindeira edición do foro, que arrinca o 8 de setembro, foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane; a concelleira de Cultura do municipio, Samanta Barreira; o vicepresidente segundo da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández; e o director do festival, Carlos Montero

 

Ata 32 curtas, de máis dunha ducia de nacionalidades diferentes, participarán na sección oficial da VIII edición do FIC Vía XIV de Verín, cuxo programa de actividades arrincará oficialmente o vindeiro venres, 8 de setembro. Durante nove días, os habitantes da comarca e aqueles e aquelas que se acheguen ata a zona poderán desfrutar, ademais do visionado dos films que se presentan a concurso dentro das diferentes categorías do certame, dun amplo programa de 21 actividades paralelas (o triple que en anteriores edicións do foro).

O FIC Vía XIV 2023 vai estar especialmente centrado na sostibilidade ambiental e porá o foco neste punto coa programación dunha serie de curtas, encadradas dentro da categoría Horizontes 3, que abordan cuestións como a relevancia da biodiversidade para preservar o futuro do planeta, o dano causado polos residuos plásticos no medio mariño ou o desafío orixinado polo cambio climático e como facerlle fronte, entre outras cuestións.

Precisamente, para afondar no eido da sostibilidade o FIC Vía XIV trae tamén ata Verín este ano un foro de debate, que se desenvolverá coa colaboración de Proxecta-a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, no que diferentes profesionais intercambiarán opinións sobre como integrar esta premisa dentro da xestión cultural.

Amais disto, a organización do certame propón unha edición cargada de novidades entre as que destacan, por exemplo, a posta en marcha dun concurso de pintura para artistas gráficos maiores de 16 anos, que terán o reto de plasmar nun lenzo algunha escena ben recoñecible da historia da cinematografía que previamente escollan ou a  programación de diversas actividades destinadas a un público de corte máis profesional, aínda que abertas a todos os interesados e interesadas, como un obradoiro de interpretación perante a cámara ou outro relacionado co emprego das técnicas de Intelixencia Artificial no sector audiovisual, en particular, e artístico, en xeral.

Tamén haberá ocasión de coñecer o rico legado do patrimonio cinematográfico de Verín e comarca mediante o repaso, nunha mesa de traballo, dos diferentes axentes – entre os que salientan cineclubes e salas de proxección- que contribuiron a espertar e fortalecer o interese polo cinema na zona. Unha cuestión fundamental para comprender a esencia e acollida actual do FIC Vía XIV na vila.

Doutra banda, no seu propósito de avanzar cara a un contedor cultural con vocación de permanencia na comarca, o FIC acollerá tamén nesta nova edición diferentes actividades musicais -tales coma concertos, sesións amenizadas por DJs ou musicalización de curtas mudas nun evento que terá lugar na Praza Maior por parte do grupo Caspervek.

Tamén se poderá desfrutar dun túnel de viño organizado pola D.O. Monterrei e dunha cata de cervexas, unha actividade que xa se desenvolveu con éxito en 2022 e que de novo se denominará Hop&Roll, na que poderán degustarse diferentes referencias do panorama cervexeiro maridadas con produtos tradicionais nunha xornada que estará amenizada cunha pinchada 100% en galego. Non faltará, ademais, unha sesión vermú na Praza García Barbón que contará ademais con ambientación musical.

Porén, un dos pratos fortes do FIC Vía XIV 2023 vai ser a estadía en Verín do carismático actor Pepe Viyuela que se achegará ata o Auditorio na xornada do venres 8 de setembro para participar no coloquio posterior ao visionado do documental Un viaje hácia nosotros, dirixido por Luis Cintora e guionizado por el mesmo, no que se mergulla no pasado da súa familia e, en concreto, no do seu avó Gervasio, que loitou na Guerra Civil. Este film, de 70 minutos de duración, reflexiona sobre a realidade dos refuxiados naquel tempo, establecendo paralelismos coas diásporas actuais.

Ao día seguinte, o sábado 9 de setembro, o actor interepretará o seu espectáculo Encerrona perante todo o público da contorna. Trátase dunha representación que achega aos asistentes unha reflexión sobre o cotían dende a perspectiva do pallaso, entre tintes de comedia e humor absurdo. As entradas para poder ver o espectáculo no Auditorio de Verín están xa venda, a un prezo de 12 euros, na web de Ataquilla.com.

Outra das novidades máis significativas desta edición do certame ten que ver coa intensificación da programación orientada ao público infantil. Os cativos e cativas da comarca sempre foron un piar fundamental para a organización do festival que, dende os seus inicios, levou a cabo actividades especiais para a infancia da contorna.

Neste 2023, por vez primeira o FIC estreará unha categoría destinada aos máis pequenos e pequenas que contará cun premio de seu outorgado polo xurado profesional e na que os rapaces e rapazas da zona poderán desfrutar do visionado de catro curtas. A sesión estará amenizada pola narradora oral, Raquel Queizás, quen trasladará aos menores a “maxia do cinema” a través do fío condutor da ciencia ficción.

Na rolda de prensa de presentación do certame participaron o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; a concelleira de Cultura do municipio, Samanta Barreira; o vicepresidente segundo da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández; e o director do festival, Carlos Montero. O rexedor verinés puxo en valor o traballo dos profesionais -maioritariamente locais- que conforman o equipo do FIC e que dan boa mostra “do talento” que existe na vila “para desenvolver cada ano un evento das características deste certame, que ademais ensancha a súa programación e axenda en cada nova edición co obxectivo de chegar a novos públicos”.

Seoane destacou tamén que é “indubidable” que o “FIC contribúe a sitúar Verín no mapa dos festivais cinematográficos galegos” cunha proposta “moi xenuína e baseada na idiosincrasia propia da localidade moldeada histiricamente polos conceptos de “Fronteira-Emigración e Entroido” que teñen, segundo asegurou, “todos eles cabida no programa anual do certame”.

Pola súa banda, Samanta Barreira eloxiou a capacidade da organización do FIC por conseguir unha axenda sensible cara aos asuntos sociais “que máis nos preocupan a todos e a todas na actualidade”. Neste sentido, destacou que a aposta por incluir filmes e actividades paralelas que se centren na posta en valor da sostibilidade ambiental é, sen dúbida, “paradigmática da pegada social que quere deixar o FIC entre os verineses e verinesas”.

Xunto a isto, Barreira destacou a aposta dos organizadores por tentar involucrar a toda a poboación de Verín arredor dunha proposta que funciona xa como “un contedor cultural de seu, máis aló do estritamente cinematográfico” e realizou un repaso polas diferentes iniciativas que se promoven dende o Concello, ao longo do ano, para dinamizar culturalmente a vila. Amais do FIC, Barreira citou por exemplo “a magnífica aceptación doutros festivais como o Extruga ou de foros como as Xornadas de Novela Negra“.

Dende a Deputación Provincial de Ourense, o seu vicepresidente segundo destacou o respaldo do organismo á iniciativa. “Dende a Deputación, apostamos pola cultura como elemento dinamizador do territorio”, argumentou César Fernández.

Pola súa banda, Carlos Montero quixo agradecer ás diferentes entidades organizadoras, patrocinadoras e colaboradoras do FIC o apoio prestado para levar a cabo esta VIII edición do certame, un total de 26. En especial, Montero referiuse ao apoio institucional prestado dende o Concello de Verín á iniciativa como unha proba da “aposta inquebrantable do municipio por manter vivo un foro xa consolidado plenamente na axenda anual de ocio e lecer da vila” e tamén puxo en valor o respaldo da Deputación Provincial de Ourense ao certame.

Montero lembrou que as curtas que se proxectarán dentro das diferentes categorías especiais a concurso poderán visionarse no Auditorio de Verín entre o sábado 9 e o venres 15 de setembro. Finalmente, durante unha gala especial, dixirida e presentada por Manuel Cortés na xornada do sábado 16, clausurase o foro coa entrega de premios aos mellores traballos.

O programa completo do certame, cos horarios das diferentes sesións e actividades paralelas, así como con información dos seus emprazamentos, pode consultarse na web ficviaxiv.com.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *