- No certame, inaugurado hoxe, exhibiranse 68 pezas procedentes de 26 países diferentes
- O festival vén acompañado dunha potente axenda de actividades paralelas dirixida a todos os segmentos de idade, pero que fai especial énfase no público infantil
- A curta Unary, protagonizada por Antonio Durán “Morris”, foi o filme escollido pola organización do certame para a apertura do festival
Verín, 01 de decembro de 2018.- O Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV, botou hoxe a andar no Auditorio da vila cun acto inaugural que estivo conducido pola actriz Iria Sobrado, natural do Carballiño. Nesta terceira edición, o FIC consolídase como un foro cultural de referencia para Verín e comarca e converte á zona en epicentro galego da sétima arte ata o vindeiro 9 de decembro. Así, un total de 68 curtas procedentes de 26 países serán exhibidas no concurso oficial e optan a gañar un dos seis premios do certame.
Xunto a isto, o FIC Vía XIV 2018 trae consigo unha intensa axenda de actividades paralelas para todos os segmentos de idade, pero que fai especial énfase no público infantil, que poderá participar en obradoiros específicos sobre cinematografía e desfrutar de fragmentos de películas no marco da actividade Cinema de historias, dirixida pola contacontos Raquel Queizás.
Un soño feito realidade
No acto inaugural, a concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza, referiuse a este festival como “froito dun soño, que cada ano se converte nun reto maior”. Segundo asegurou, o FIC Vía XIV tivo que facer frente ás dúbidas e receos iniciais para consolidarse na axenda cultural da vila, algo que, ao seu xuízo, acadou. “Que cineastas de diversas partes do mundo veñan a Verín a falar e expoñer as súas obras é moi grande”, asegurou. Como tamén o é o feito de que o FIC Vía XIV de Verín poña “o seu selo nos créditos de cada curta”, un selo que “viaxará por sempre polos mundos do cine”.
Pola súa banda, o responsable de Creatividade e Multimedia do Festival, Jorge Godás, en representación da directiva do certame afirmou que un dos obxectivos concretos desta edición é “contaxiar á poboación de Verín e comarca do entusiasmo” que os organizadores senten ao respecto da iniciativa.
“Queremos que a xente sinta curiosidade, participe nas actividades paralelas e perciba o FIC Vía XIV como algo enormemente enriquecedor para vila”, apostilou. “Non nos cabe dúbida de que serán nove días de intenso movemento económico e social para Verín e comarca”, abondou.
Filme inaugural
A curta Unary, protagonizada por Antonio Durán “Morris”, ao que se renderá homenaxe nesta edición do festival, foi a escollida pola organización como filme inaugural. Unha das actrices participantes na curta, Iolanda Muíños, mantivo esta noite un encontro co público para compartir a experiencia da súa rodaxe.
Con anterioridade á proxeccion do filme inaugural, púxose en marcha no hall do Auditorio de Verín a actividade interactiva A memoria da raia, que permanecerá aberta durante os nove días que dure o certame e que xira arredor da curta homónima realizada por tres mozas da comarca e centrada en analizar as características socieconómicas, culturais e políticas do feito fronteirizo na zona sur de Ourense.
Cada día síntome máis orgullosa da miña vila. Iniciativas como ésta fan de Verín un referente no mundo do cinema, levan o nome de Verín polo mundo adiante.
NORABOA POR ESTA INICIATIVA, LONGA VIDA Ó FIC VÍA XIV!!!!!