Xosé A. Touriñán trae ao FIC Vía XIV o seu monólogo Aquí Tou!

Xosé A. Touriñán, o gran nome do panorama audiovisual galego, chega a Verín. O sábado 31 de agosto estará no Auditorio Municipal ás 22:15h co seu monólogo Aquí Tou! As entradas para este espectáculo xa están dispoñibles en ataquilla.com.

Neste monólogo, coñeceremos ao Touri máis cercano. Durante o espectáculo achegaranos con humor, aos fitos máis importantes da súa vida. Un percorrido íntimo e divertido polas súas casuísticas vitais.

Nos últimos anos, acostumámonos a ver a Touriñán en espectáculos teatrais como Fariña, recortes, na recente produción de Netflix, Clanes, e en diferentes series e programas de televisión. En Aquí Tou! regresa ao formato que lle proporcionou fama e lle deu os seus primeiros éxitos no mundo do espectáculo.

Cunha escenografía sinxela, o relato apoiase por momentos en imaxes proxectadas que ilustran diferentes momentos da traxectoria vital de Touri. Un espazo escénico minimalista que xa adianta o que se vai poder ver en escena, un dos mellores cómicos do país facendo o que mellor sabe; encher o escenario e contaxiar a risa a todo o audiotorio.

Touriñán, o gran nome da comedia en Galicia

Se hai un cómico galego que pode encher grandes teatros, ese é Xosé A. Touriñán. Con máis de 20 anos de carreira, Touri ten unha conexión co público en Galicia que é difícil superar. Só ou acompañado de outros grandes -como Carlos Blanco ou David Perdomo, acostuma colgar o cartel de “Non quedan entradas” en todos os seus espectáculos.

O humor é o seu sinal de identidade e, a pesar de chegar ao mundo da actuación  “case sen querer”, conseguiu ser un referente do humor feito desde Galicia. Os seus monólogos, espectáculos, series e aparicións en televisión son sinónimo de éxito. Á súa faceta de actor hai que sumarlle a de produtor, director e axitador cultural, o seu entusiasmo contaxia a quen traballa con el e tamén dá un extra a todos os proxectos nos que se involucra.