Xurado e directores do FIC Vía XIV descobren as singularidades de Verín e comarca

Festival Internacional de Curtas de Verín

  • Realizaron unha visita guiada ao Castelo de Monterrei e ao Museo Claustro Mercedario

Verín, 05 de decembro de 2018.-  Algúns dos directores das curtas participantes e varios membros do xurado do FIC Vía XIV realizaron esta mañá unha visita guiada por Verín e comarca. O percorrido comezou no Auditorio de Verín arredor das 11.00 h da mañá. Dende alí, o grupo desprazouse ata o Castelo de Monterrei, onde visitou os distintos emprazamentos do monumento, ademais da Igrexa de Santa María e o Hospital de Peregrinos.

O guía do Concello que levou a visita explicoulles aos integrantes do grupo a relevancia da figura do cigarrón de Verín e a do peliqueiro de Laza.

Ao rematar, o grupo trasladouse ao Museo Claustro Mercedario, en Verín, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man a exposición permanente que alí se alberga. Deste xeito, o grupo descubriu as distintas maneiras de facer viño e os utensilios que se empregaron historicamente na comarca para elaboralo.

Dentro do museo, o grupo puido ver tamén o “Padrón dos pobos”, unha réplica da columna que data do ano 79 d. C. e que contén gravados de varias civilizacións entre as que se atopa a Tamagani, orixinaria da comarca.

Participantes

Os participantes nesta visita guiada foron André Guimoar e Cardozo Ribeiro (directores de Pele de Luz e Porque la Sal, respectivamente), e Raquel Anido e Miguel Ribeiro (membros do xurado desta terceira edición do FIC Vía XIV), acompañados por algúns dos membros do staff do FIC Vía XIV.

Ao respecto da visita, Nicolás Cardozo afirmou que “o castelo e todo a súa contorna é moi bonito, ademais tocounos un día perfecto, coa néboa, que encaixa perfectamente coa atmosfera do lugar. O feito de que este fora o primeiro lugar no que houbo unha imprenta impresionoume moito”. Na mesma liña manifestouse o resto dos integrantes do grupo.

 

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *