- Trátase dun galardón creado polo pintor e escultor local, Xosé Gómez Rivada
- A distinción conleva unha dotación económica de 600 euros
Verín, 20 de novembro de 2018.- O Consello Regulador da D.O. Monterrei súmase ao grupo de entidades patrocinadoras da III edición do Festival Internacional de Curtas de Verín. O organismo que preside Lara Da Silva patrocinará o Premio Espacial do Público, que conleva unha dotación económica de 600 euros. En opinión de Da Silva, “non podía faltar o apoio da D.O. Monterrei ao FIC Vía XIV, un certame moi relevante para a nosa vila que a converte non só nun escaparate de cinema senón tamén doutros atractivos turísticos, gastronómicos e, por suposto, vinícolas”.
Pola súa banda, o director do certame, Carlos Montero, quere por en valor especialmente a contribución da D.O. áo festival. “Trátase dunha das entidades fundamentais no desenvolvemento da nosa comarca e o seu respaldo visibiliza o apoio do sector do viño –un dos motores económicos de Monterrei- a un certame que tamén aspira a forxar marca Verín e marca Monterrei”.
O Premio Especial do Público é unha creación orixinal do pintor e escultor local, Xosé Gómez Rivada, que nestes días ultima a estatuíña no seu obradoiro de Verín. O artista creou a peza baseándose en dous elementos que contribuíron a dinamizar a economía de Verín: os peixes e a aixada. “O primeiro deles pola riqueza que xeraron as capturas no Río Támega para a vila e porque os peixes son animais libres, sen fronteiras, que encaixan á perfección co que simboliza a categoría do festival A Raia. Ademais, tamén estará presente a aixada, pola importancia que ten a terra para a nosa vila e como símbolo do traballo do pobo”, apunta Rivada.
V de Verín
Finalmente, outro artista local, Fernando Barreira, será un ano máis o responsable do deseño dos principais galardóns do certame e da creatividade do escenario. Barreira, que conta cunha sólida formación en arte, pintura, debuxo, escultura, decoración e moda e con máis de 40 exposicións ás súas costas, inspirouse para a súa creación na “V” de Verín e de Vía XIV.
Deixa unha resposta