
Toni Salgado: Este actor profesional, natural de Verín, logo de iniciarse na Aula de Teatro da Universidade de Santiago, onde permaneceu catro anos (2000-2004), formando parte do elenco en montaxes como Os vellos non deben namorarse, O Burgués xentilhome, Matanza , Apnea ou Hamlet, seguiu a súa andaina no teatro da man da compañía profesional A Factoría Teatro participando en montaxes como O canto do Dime-Dime, Iesi Cebola contra a doutora Rabia Rabiña, Os homes só contan até tres, Castronós, o baile, Sr.Mundo, dígame? ou Alicia & Alicia. No ámbito audiovisual, participou en series como Escoba!, Piratas, Pratos combinados, Mar Libre, Pazo de familia, Serramoura, A estiba, Néboa, El punto frío, O sabor das margaridas, El secreto de Puenteviejo, La casa de papel, Rapa ou filmes como Doentes ou La sombra de la ley, entre outras.


Nicolás Afonso: Natural de Verín, Afonso sinala que malia “que non vivo do cinema, o cinema é a miña vida”. Licenciado en Ciencias Químicas, posúe unha dilatada experiencia profesional de máis de dúas décadas como tecnólogo en diferentes organismos e empresas. Porén, a súa paixón pola sétima arte levouno dende a dirixir curtas experimentais ata abrirse camiño coma un recoñecido xornalista cinematográfico con ducias de colaboracións en medios en papel, audiovisuais e tamén en canais dixitais. Entre outras publicacións, escribiu sobre cine para Fanzine Impacto Crítico ou para diversos rotativos mexicanos como corresponsal freelance. Xunto a isto, na actualidade colabora con diferentes podcasts especializados en cinema. Conta con formación en arte dramático e tamén en montaxe e dirección audiovisual.