- O seu director, José Antonio Blanco, mantivo un encontro co público no que abordou como se xestou o proxecto
Verín, 04 de decembro de 2018.- O Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV, programou esta noite no Auditorio da vila a proxección do documental Mar de Terra, un traballo centrado no Entroido ourensán, un proxecto colectivo realizado por cinco persoas, entre elas o músico vasco Kepa Junkera.
A modo de road movie, Mar de Terra percorre o triángulo máxico do Entroido ourensán (Verín, Xinzo e Laza) xunto a outras localidades da provincia como Vilariño de Conso, Manzaneda, Viana do Bolo e a lucense de Sancedo, co obxectivo de presentar dende dentro os diversos entroidos e plasmar as súas singularidades.
Encontro co público
José Antonio Blanco e Rubén Cao, dous dos realizadores deste traballo, que vén de ser exhibido tamén no Festival de Cine de Ourense, mantiveron un encontro co público de Verín con anterioridade á exhibición do documental para explicar como xurdiu o proxecto e abordar o seu proceso creativo.
O visionado desta peza enmárcase na axenda de actividades paralelas do FIC Vía XIV. Neste sentido, tal e como lembra o director do certame, “a categoría de Entroido é unha das catro sobre as que se sustenta o FIC Vía XIV e para poñer en valor esta celebración, que posúe especial arraigo en Verín e comarca, decidimos programar este documental”.
Deixa unha resposta