Elena García: Licenciada en Historia da Arte, especializouse en historia do cinema e en xestión cultural. A súa vida profesional estivo sempre ligada á cultura e ás súas manifestacións artísticas, así coma á xestión de eventos e vendas en ámbitos nacionais e internacionais. Actualmente é a coordinadora da Asociación Sindical de Guionistas de Galicia (AGAG), vicepresidenta da Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA), delegada de cineclubes en CIMA e forma parte da directiva do cineclube de Cangas.
Manolo Torrente: Natural de Neda (A Coruña), é licenciado en Xeografía e Historia e traballou coma periodista en Ferrol Diario, Cadena Ser e Televisión de Galicia, onde levou a cabo, entre outras funcións, as de editor e presentador. Durante vinte anos, exerceu coma profesor na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra). Realizou numerosos documentais, entre eles Mauthausen, regreso ao campo da morte, que se proxectará na presente edición do FIC Vía XIV.
Nora Sola: Xornalista, empresaria e directora de sete edicións do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense, Nora Sola é unha profesional que estivo toda a súa vida vinculada aos medios de comunicación. Posúe unha ampla experiencia en prensa, radio e televisión que abarca todos os campos, desde a produción ata a dirección en todos e cada un dos seus proxectos. Na actualidade e tras a súa xubilación é colaboradora habitual en diferentes programas de radio e televisión, coordinadora do Club de Lectura e do Grupo de Teatro Leido Berenguela, así como vicepresidenta do Club de Leones Ourense Calpurnia.