- No marco da axenda de actividades paralelas do FIC Vía XIV, Verín acolleu esta tarde a iniciativa “Dereito e cinema”
- Empregando fragmentos de películas, a profesora de Filosofía do Dereito da Universidade de Oviedo, María José García Salgado, explicou diversas cuestións relativas ao ámbito xurídico
Verín, 02 de decembro de 2018.- A Casa da Cultura de Verín acolleu esta tarde a actividade Dereito e cinema, unha iniciativa que tivo como obxectivo analizar o movemento Law and Cinema, que xurdiu con forza nos anos 90 do século pasado nas universidades norteamericanas e, dende alí, foi importado con éxito a un bo número de facultades de Dereito europeas, que foron incorporando o recurso do cinema nas clases, seminarios, congresos, relatorios, cursos, etc.
Law and Cinema (como antes Law and Literature) naceu con vocación de subvertir a ensinanza do Dereito e aproximar dous campos tan dispares entre si como o ámbito xurídico e o da imaxe, que por sempre tiveron “unha relación complexa”, tal e como afirmou María José García Salgado, profesora de área de Filosofía do Dereito da Universidade de Oviedo e encargada de dirixir esta actividade, que se enmarca na programación paralela do Festival Internacional de Curtas de Verín.
“É complicada (a relación) porque a forma de manifestarse o Dereito é lingüística. O Dereito constrúese en palabras, aplícase con palabras e non pode prescindir do elemento lingüístico”, indicou a profesora.
Falar de Dereito a través de cine
Así, empregando secuencias de filmes coma, por exemplo, Doce homes sen piedade, A laranxa mecánica, O planeta dos simios ou Vencedores e vencidos, García Salgado, analizou o movemento Law and Cinema e aproveitou para comentar diferentes figuras e procedementos do noso sistema xurídico. Coas películas como banco de imaxes, houbo ocasión de falar da institución do xurado, da presunción de inocencia ou da proba xudicial, entre outras cuestións. En definitiva, foi unha sesión para falar de Dereito a través do cinema.
Deixa unha resposta