- Carlos Montero, director do festival, confirma o incremento de accións que se desenvolverán ao abeiro do certame este ano para convertelo “nun verdadeiro contedor cultural”
- O Auditorio de Verín tamén acollerá na semana do festival un pase de exhibición da curta Enferma, protagonizada polo actor Toni Salgado e proxectada fóra de concurso
A organización do Festival Internacional de Curtametraxes de Verín, FIC Vía XIV, continúa perfilando unha axenda de actividades paralelas para todos os públicos que se desenvolverá ao abeiro da vindeira edición do certame. Unha cita que comenzará o 8 de setembro na Vila do Támega e que se estenderá durante nove días, que converterán a localidade “no epicentro da cinematografia e da cultura na provincia de Ourense”. Así o destaca o responsable do certame, Carlos Montero, quen afirma tamén que nesta edición de 2023 se van promover máis accións paralelas que en anos anteriores “para que poidan gozar delas os habitantes de Verín e aqueles que visiten a zona co gallo do festival”.
Deste xeito, está previsto intensificar as actividades gastronómicas e musicais que se van poñer en marcha, fundamentalmente, no espazo exterior do Auditorio durante a semana na que se celebre o FIC. Pero non será este o único espazo escollido para desenvolver estas accións. Co obxectivo de levar a esencia do festival ata o corazón da vila, a organización aposta por desenvolver na Praza Maior unha acción musical a cargo do grupo Caspervek. “Sacamos o cinema á rúa, cunha proposta clásica onde a música en directo acompañará películas que forman parte da historia cinematográfica”, apunta Montero.
“Esta actividade pretende formar novos públicos e achegalos ao cinema. Así, empregando elementos do jazz clássico, a música contemporánea, o folk ou a electrónica, os membros deste grupo construirán un espazo sonoro e performativo propio que musicalizará pezas como Viaje a la luna, Alicia en el país de las maravillas, Felix go west, Les Kiriki ou La casa eléctrica”, engade o director do FIC Via XIV.
The Funkles, Banda de Garda e sesións de DJs
No marco da axenda musical do FIC, programaranse tamén concertos a cargo dos grupos The Funkles e Banda de Garda, e tamén haberá sesións por parte de diversos DJs nos arredores do Auditorio de Verín. Banda de Garda realizará un vibrante percorrido por algunhas das bandas sonoras máis coñecidas do cinema e The Funkles realizará un tributo á mítica banda de Liverpool The Beatles prestando especial atención a aquelas cancións que serviron de banda sonora para diversos filmes.
As datas e horas de cada un destes concertos daranse a coñecer proximamente, cando se divulgue o programa completo da VIII edición do Festival.
As actividades gastronómicas tamén xogarán, un ano máis, un papel importante no desenvolvemento da axenda paralela do certame. Tras o grande éxito de 2022, o FIC Vía XIV promoverá unha nova cata de cervexas “dispostas a saciar os padais máis esixentes”, segundo relata Carlos Montero. Esta actividade fusionarase coa música porque o considerado mellor tirador de cervexa de España e DJ de música en galego, Gustavo Rey, ofrecerá unha sesión de música en directo durante o decurso desta cata xunto ao seu colega, o tamén músico, Óscar Piñeiro.
Degustación de viños
Outra das actividades gastronómicas que se impulsarán permitirá á veciñanza e convidados ao FIC gozar dunha degustación dos viños máis representativos da zona nunha cata na que se achegarán claves sobre os valores diferenciais dos brancos e tintos amparados baixo o selo de calide da D.O. Monterrei.
Xunto a isto, e grazas ao apoio da hostalaría de Verín, O FIC retoma este ano unha nova edición da iniciativa “Pincho cine”, unha actividade gastronómica que permitirá aos veciños e veciñas da vila degustar unha selección de petiscos en diferentes locais de restauración que serán elaborados baseándose en temáticas de escenas cinematográficas ben recoñecidas polo gran público
O Podcast do FIC e presentación dunha curta fóra de concurso
Ademais, entre as accións que se van impulsar no marco da VIII edición do certame destaca un podcast propio que pretende dar a coñecer mediante un formato de entrevisas en directo a diferentes persoeiros e convidados do FIC Vía XIV 2023. O formato pretende achegar o foro e os seus protagonistas a novos públicos “con toques de humor e reivindicacíon do cinema”, conclúe Carlos Montero.
Finalmente, na tarde do domingo 10 de setembro, no Auditorio de Verín proxectarase a curta Enferma. Un traballo dirixido por Manel Salgueiro e protagonizado polo actor local Toni Salgado. Esta curta, que se exhibe fóra do concurso oficial, é un vibrante thriller de 24 minutos que se divide en tres partes.
Dende hoxe mesmo, a través da web do FIC (ficviaxiv.com) os interesados e interesadas en participar nas diferentes actividades profesionais, gastronómicas, culturais e musicais, entre outras, que se levarán a cabo este ano no marco da axenda paralela do certame poden apuntarse nelas a través dos formularios de inscrición específicos habilitados ao afecto.
Deixa unha resposta