- Este traballo dirixido por Luis Cintora e guionizado polo propio Viyuela abriu a axenda de actividades do festival no Auditorio
- O responsable de Creatividade e Multimedia do FIC, Jorge Godás, animou a todos e a todas a desfrutar da “maxia” do cinema durante toda unha semana en Verín
Coa chegada do carismático actor Pepe Viyuela a Verín e a proxección do traballo documental Un viaje hacia nosotros, que el mesmo guioniza e dirixe Luis Cintora, inaugurouse oficialmente a VIII edición do FIC Vía XIV. En Un viaje hacia nosotros, Viyuela rende homenaxe ao seu avó Gervasio, que loitou no bando republicano na Guerra Civil e afonda no pasado familiar para realizar unha reflexión sobre os refuxiados naquela época, unha realidade que non difire moito da das diásporas actuais, tal e como se puxo de manifesto no debate posterior á proxección deste documental que contou coa presenza do actor.
A axenda de Pepe Viyuela en Verín proseguirá mañá, sábado, co pase da súa obra Encerrona, unha representación para a que o Auditorio ten practicamente colgado o cartel de cheo. A partir das 20.00 horas, Viyuela protagoniza esta obra na que reflexiona sobre o cotiá dende a perspectiva dun pallaso, con toques de comedia e humor absurdo.
Previamente, durante o acto inaugural do FIC Vía XIV 2023 tomou a palabra Jorge Godás, director de Creatividade e Multimedia do certame, para poñer en valor o cinema como “reflexo da humanidade, das nosas loitas e triunfos, da nosa capacidade para afrontármonos as adversidades e superalas”. Neste sentido -abondou Godás- “o cinema lémbranos a importancia da independencia, da individualidade, de escoitar a nosa voz interior e non deixarnos abafar polo ruído exterior”. O responsable de Creatividade do FIC despediuse animando a todos e a todas a desfrutar da “maxia” da sétima arte durante toda unha semana en Verín.
Túnel do viño da D.O. Monterrei
A axenda desta primeira xornada do FIC Vía XIV de Verín completouse cun túnel do viño para todos os asistentes, promovido pola D.O. Monterrei e no que se puxeron en valor diferentes referencias de brancos e tintos da contorna. Trátase dunha das actividades concibidas para resaltar os recursos enogastronómicos da comarca incluída dentro da axenda paralela do certame fílmico. Finalmente, un concerto de Banda de Garda amenizou musicalmente a velada.
Deixa unha resposta