
Festival Convidado
Curtas-Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa
A organización do FIC Vía XIV de Verín incluirá dentro da súa grella, como actividade paralela, o visionado dalgúns traballos premiados en edicións anteriores do Curtas-Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa. Trátase do foro cinematográfico convidado polo FIC Vía XIV neste 2023 e cuxos responsables visitarán Verín para contar ao público o segredo do seu éxito, posto que se trata dun certame con 50 anos de traxectoria, e intercambiar experiencias con todos aqueles que asistan á charla-coloquio que impartirán no Auditorio de Verín.
O de Vilagarcía de Arousa naceu coma un festival afeccionado, pero co paso do tempo consolidouse como un punto de encontro de primeiro nivel para o eido cinematográfico galego adquirindo, ademais, un carácter multidisciplinar que tamén pon en valor a literatura ou o mundo do cómic.
Dende que o Festival de Curtas de Verín decidiu comezar a convidar outros certames cinematográficos para estreitar lazos de colaboración, no Auditorio da vila puideron verse traballos de festivais de renome coma o Play Doc-International Documentary Festival; o RIR de Allariz; o Tempo Documentary Festival de Suecia; o Festival de Animación Animacam ou o Galician Freaky Film Festival de Vigo.