- Como actividade inaugural do festival, proxectarase o documental “Un viaje hacia nosotros”, un traballo con tintes biográficos guionizado polo propio Viyuela e dirixido por Luis Cintora
- En Verín, o actor ofrecerá ademais un pase do seu aclamado espectáculo “Encerrona”
Verín, 13 de xuño de 2023.- Antonio Durán “Morris”, Mabel Rivera, Luis Zahera ou Serxio Pazos son algúns dos actores que visitaron Verín durante a semana de celebración do FIC Vía XIV nalgunha das súas anteriores edicións. A estes nomes, sumarase neste 2023 o de Pepe Viyuela, un artista polifacético cunha marcada impronta humorística, ben coñecido polo gran público grazas á súa participación en míticos programas de televisión como Un, dos tres ou No te rías que es peor.
Porén, aínda que o seu papel como humorista na pequena pantalla sexa o máis recoñocible, o actor natural de Logroño conta cunha dilatada traxectoria nas táboas e tamén no eido audiovisual (cinema, documentais e series), principalmente como actor pero tamén en calidade de guionista, entre outras facetas. A súa traxectoria é moi ampla e posúe un Premio Ondas polo seu papel na serie Aída.
Unha axenda dobre
Viyuela visitará Verín, convidado pola organización do FIC Vía XIV, cunha axenda que se compón de dúas actividades moi salientables e ben diferenciadas entre si. En primeiro lugar, durante a xornada inaugural do certame, o venres 8 de setembro, a organización do festival vai proxectar o documental Un viaje hacia nosotros, guionizado polo propio actor e dirixido por Luis Cintora.
Un traballo de 70 minutos de duración cun marcado carácter biográfico, no que Viyuela leva a cabo pescudas sobre o pasado da súa familia seguindo o rastro do seu avó Gervasio, que loitou na Guerra Civil Española. Un viaje hacia nosotros amosa a realidade dos refuxiados españois no ano 1939, que non difire moito -tal e como detalla a sinopse do documental- da que hoxe viven milleiros de persoas en todo o mundo. Tras o pase do documental, celebrarase un coloquio no Auditorio no que está previsto que participe o propio Viyuela.
Ao día seguinte, o sábado 9, o actor ofrecerá un pase do seu aclamado espectáculo Encerrona, que se basea en achegar ao público unha reflexión sobre o cotiá desde a perspectiva do pallaso.
Deixa unha resposta