Jorge Godás destaca “a gran acollida” do proxecto The Timesounds en Rusia e agarda poder replicalo en Verín

  • Compartiu detalles da súa experiencia co alcalde de Verín e co subdelegado do Goberno en Ourense

Verín, 13 de maio de 2019.- Jorge Godás, responsable de Creatividade e Multimedia do Festival Internacional de Curtas de Verín (FIC Vía XIV), regresou da localidade rusa de Mirny, na que estreou o proxecto The Timesounds, do que é coautor xunto ao siberiano Vladislav Soldadenko. Trátase dun proxecto de música descritiva, que combina son, imaxe e outras disciplinas artísticas coma performances e que foi presentado cun grande éxito no Festival Cultural de Mirny, ante un aforo de 450 persoas.

Á súa volta a Galicia, Godás compartiu os detalles da súa experiencia co alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e co subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González. O autor do proxecto The Timesounds agarda poder replicar o éxito da iniciativa tanto en Verín coma noutros puntos da xeografía ourensana e galega.

Valores presentes en todas as culturas

Na súa opinión, unha das claves da conexión deste proxecto cultural co público foi o feito de que estea centrado “na historia do esforzo e da disciplina humana”. Uns valores que, ao seu xuízo, “están presentes en todas as culturas”. “Foi especialmente emotiva a parte que lembraba aos oito mineiros de Mirny que faleceron nun accidente laboral nunha canteira en 2017”, asegurou Godás.

O verinés tamén quixo destacar a enorme repercusión mediática que a estrea de The Timesounds tivo na localidade de Mirny e tamén o impacto acadado grazas ao streaming do concerto, que durou dúas horas.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *